Débeda Pública: Un veciño de Nigrán debe 3 veces máis que un de Gondomar e 6 máis que un de Baiona.

Imprimir
Banco-de-Espana


O peso da débeda pública municipal nos petos dos veciños miñoranos depende do concello onde habiten. Por exemplo, a cada habitante de Nigrán, lle tocaría un hipotético desembolso de 315,63€ para pagar a débeda municipal que ascende a 5.640.000€ ao 31 de decembro de 2010, segundo datos oficiais do Banco de España e os datos de poboación do INE (2009). Tres veces máis que aos de Gondomar, que na mesma hipóteses deberían desembolsar 102,46€. E case 6 veces superior aos baioneses, que só pagarían 56,11€.

A modo de comparación, a mesma situación trasladada aos concellos limítrofes, informaría que cada habitante de Vigo, debe  117,70€,  un veciño de Oia 36,34€ e outro de Tomiño 8,32€.

As cantidades debidas por cada administración do Val Miñor ao 31 de decembro de 2010 (data de peche do informe do BE), indica que a  débeda pública do Concello de Baiona é de 672 mil euros, a de Gondomar 1.405 mil e a de Nigrán 5.640 mil. O peso da débeda é diferente de tomarse en conta os orzamentos  de cada municipio, máis rexistra un dato positivo nos tres casos:  é menor ca rexistrada pola mesma entidade durante o 2009. No caso de Baiona, o concello con mellores números nesta materia, a débeda en 2009 era de 776. mil euros, rexistrando unha baixa do 14%. Gondomar mantivo similar tendencia, cunha baixa do  13% , nos últimos 12 meses. No caso de Nigrán, cuxa débeda representa o 73% do total acumulado polas tres administracións, tamén logrou baixar nun 10, 46% o rexistro.

Ningún destes datos ten relación coas actuais corporacións municipais, xa que as mesmas cambiaron logo das municipais de maio de 2011. Sendo  o baionés, Jesús Vázquez Almuíña, o único rexedor en funcións cuxo mandato abarcou esas datas.