Aser Estévez e Aida Valiño primeiros nas probas de contrarreloxo en Ourense.

Imprimir

cri triprete

Histórica actuación dos representantes do Club Ciclista Rías Baixas no Campionato de Galicia de contrarreloxo individual celebrado este domingo na contorna do hipódromo ourensán de Sandiás. Aser Estévez e Aida Valiño subiron ao máis alto do podio nas categorías Élite e Xoel Dias obtivo a medalla de bronce en Sub 23. Os dous títulos logrados polo conxunto de Nigrán únense ao dobrete do pasado mes de xuño na proba autonómica de fondo en estrada, o que confirma á entidade presidida por José Luís Chamorro como unha das grandes referencias deste deporte a nivel galego.

Aser acada seu 8º título

CRIAser250A vitoria de Aser Estévez resultou incontestable. O guardés ofreceu un recital para sumar o seu oitavo título amateur nesta especialidade e revalidar a súa hexemonía por terceiro ano consecutivo. Nun circuíto totalmente plano de 17 quilómetros, o xefe de filas do equipo Élite do Val Miñor investiu un tempo 22 minutos e 17 segundos, avantaxando en case un minuto ao segundo clasificado Sergio Míguez (Supermercados Froiz). O terceiro posto ocupouno Alejandro Magallanes (Bici O Con).

O actual campión galego de fondo en estrada foi de menos a máis no circuíto ourensán. Non tivo as mellores sensacións de inicio, pero voou no tramo final logo dun xiro no quilómetro sete onde o vento, que soprou moi forte, pasaba a pegar na faciana. Entrou na liña de meta a piques de dobrar ao segundo clasificado Sergio Míguez.

 

 

Aida Valiño volve con máis forzas.
CRIAida250Tamén se exhibiu na proba feminina Aida Valiño. A lucense asinou unha vitoria moi especial ao ser a primeira que consegue tralo accidente que sufriu a finais de abril. A corredora do Club Ciclista Rías Baixas demostrou que está totalmente recuperada e que volveu con máis ilusión que nunca.

O seu rexistro de 26:10 rebaixou nun minuto e quince segundos ao da segunda clasificada María Jesús Barros (Spol) e en case tres minutos ao da terceira Lorena Sanín (Cambre Renault Caeiro). É o terceiro título autonómico de Valiño nesta modalidade.

O botín da formación miñorana completouno Xoel Dias coa súa terceira posición en Sub 23. O vigués, debutante este ano na categoría amateur, quedouse a sete segundos de Adrián Vales (Spol) e a dezasete de Diego Somoza (Cambre). David Amado, tamén do Club Ciclista Rías Baixas, foi décimo.