O Club Ciclista Rías Baixas volveu rozar a vitoria na última etapa da Volta a Toledo

Imprimir
Samuel-Toledo

Espectacular desenlace da Volta Ciclista a Toledo co Club Ciclista Rías Baixas quedándose de novo co mel nos beizos. Samuel Rodríguez e José Manuel Gutiérrez formaron parte da escapada de nove corredores que provocou un terremoto nos primeiros postos da xeral. O ponteareno terminou terceiro e o cántabro sexto na liña de meta de Zocodover, onde a Fundación Euskadi asinou un dobrete na etapa e na clasificación final. O conxunto de Nigrán foi o segundo mellor equipo da xornada.

Despois do segundo posto logrado onte por Cristian Mota, os pupilos de Marcos Serrano estiveron moi atentos no arranque dos 137 quilómetros, que presentaban de saída un porto puntuable de segunda, o alto do Cerro de los Palos. Rodríguez e Gutiérrez integráronse nunha fuga xunto a outros sete corredores, tres deles da Fundación Euskadi con aspiracións á xeral.

No quilómetro 25 a vantaxe da cabeza de carreira sobre o pelotón era dous minutos e vinte quilómetros máis tarde disparouse ata os tres minutos e medio. A partir de aí, iniciouse unha persecución cos compañeiros do líder, o francés Maurelet (Blagnac), tirando para intentar salvar o maillot amarelo.

A escapada perdeu dúas unidades e ao repecho final do Zocodover, nas rúas de Toledo, chegou cunha renda próxima ao minuto. Os vascos Iturra e Aristi impuxeron o seu poderío para anotarse o triunfo parcial con dous segundos de vantaxe sobre Rodríguez, que acabou terceiro, mentres que Gutiérrez entrou sexto a dez segundos. Ademais, os dous representantes da Fundación Euskadi asaltaron os dous primeiros postos da clasificación final da Volta.

Por detrás, Aser Estévez e Alejandro Santos mantivéronse á expectativa terminando a menos dun minuto dos vencedores. O guardés ascendeu ata o decimosexto posto na xeral. Mota e Adrián Avelleira tamén completaron esta prestixiosa rolda no seu primeiro ano na categoría Élite e Sub 23. Grazas a esta actuación, o Club Ciclista Rías Baixas ocupou a sexta praza final por equipos.