Tese de doutoramento conclúe que o porteiro-xogador aumenta a eficacia ofensiva no fútbol sala.

Imprimir

580-f-sala

Se ben no fútbol tradicional que un porteiro se incorpore ao ataque adoita ser un recurso á desesperada nos segundos finais dun partido, no fútbol sala resulta menos estraño atoparse no campo coa figura do porteiro-xogador, unha opción que se adoita empregar tamén para remontar resultados adversos e que aumenta a eficacia ofensiva neste deporte, como vén de comprobar o investigador Pedro Vicente na súa tese de doutoramento. Tras analizar 326 "unidades de posesión", as xogadas dun equipo desde que se fai co control do balón ata que o perde ou finaliza a acción, Vicente Vila puido constatar como a porcentaxe de xogadas que acababan en gol ascendía neste caso ao 19,6%, fronte ao 11,7% das realizadas sen a superioridade numérica que implica sumar o porteiro ao ataque.

Na súa tese "A influencia da participación do porteiro como xogador de campo na eficacia ofensiva dun equipo de fútbol sala", que dirixiron os profesores da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Luis Casáis e Carlos Lago, Vicente partiu dunha "metodoloxía observacional sistematizada" para realizar unha análise dos partidos disputados polo Santiago Futsal, equipo da División de Honra, nas tempadas 2009-2010, 2010-2011 e 2011-2012. Concretamente, sustentou o seu estudo en 326 "unidades de posesión", termo co que fai referencia ao intervalo que transcorre desde que un equipo se fai co control do balón ata que o perde, tira a porta, recibe unha falta ou mete un gol. Destas "unidades de posesión", á metade, 153, correspondían a situacións de "catro contra catro" e outras 153 ao "escenario competitivo de porteiro-xogador", como explica este licenciado en Ciencias da Actividade Física, que foi tamén o preparador físico do Leis FS entre 1999 e 2008, época na que o club pontevedrés encadeou dous ascensos para alcanzar a máxima categoría do fútbol sala español.

f-sala-250Máis eficacia, pero tamén máis risco
Na análise realizada destas 326 unidades de posesión, Vicente comprobou que o 38,6% das xogadas estudadas remataban cun disparo a portería e un 19,6% en gol cando se optaba polo porteiro-xogador, un recurso "que se emprega fundamentalmente na fase final dun partido co resultado en contra". Pola contra, nos casos de ataques de catro contra catro, só o 30,7% das unidades de posesión estudadas remataron cun lanzamento e o 11,7% en gol. De aí que a principal conclusión da súa investigación sexa ese aumento da eficacia ofensiva dunha alternativa táctica que cómpre ter en conta, pero que, polo xeral, só se emprega na fase final dun partido "en aras de remontar ese resultado adverso", xa que, como apunta, implica tamén asumir "un maior risco a nivel defensivo".

Nese senso, este investigador e preparador físico explica que, aínda que o termo porteiro-xogador engloba tanto a posibilidade de que o gardameta se adiante como a súa "substitución por un xogador de campo que entre con camiseta de porteiro", no fútbol sala de alto nivel, como é o caso analizado, "é moi raro que sexa o propio porteiro o que asuma ese rol". Non en van, os equipos das principais competicións adoitan contar "cun par de xogadores de campo especializados nesa función", que se empregan como gardameta na procura desas remontadas.

Non obstante, ese maior risco ofensivo ao que Vicente fai alusión provoca tamén que esta sexa unha opción "principalmente utilizada cando a desvantaxe no marcador é superior a un gol" e non como unha alternativa para calquera momento do partido. "Non podemos obviar eses riscos, polo que habería que analizar en investigacións futuras a súa eficacia defensiva para poder facer unha valoración global", salienta.

Unha variable a ter en conta, pero non a única
Ademais do uso do porteiro-xogador, Vicente Vila analizou tamén outra serie de variables relacionadas coas accións ofensivas neste deporte e que o levaron a concluír que non é posible "definir o ataque perfecto". Neste senso, optar por un porteiro-xogador implica tamén un aumento da duración dos ataques, do número de pases que se realizan e do número de xogadores polos que pasa o balón ao longo da unidade de posesión. Mais tamén puido comprobar que existen outros factores que aumentan a eficacia ofensiva neste deporte, como a "rápida duración dun ataque", que non se daría precisamente neste escenario no que "se elabora máis a xogada, trasladando o balón por diferentes zonas do campo para obter superioridade numérica na finalización", ou como que o ataque sexa executado no interior da área.

De aí que Vicente conclúa que "non é posible establecer unha unidade de posesión preditiva de éxito no fútbol sala", aínda que si existan "algunhas variables de comportamento táctico ofensivo e defensivo que optimizan o rendemento". Nese senso, recoñece que aínda que contar cun porteiro-xogador aumenta a eficacia en ataque, existen outras variables de "maior relevancia", como a finalización da xogada no interior da área, situación na que a unidade de posesión remata en gol no 47,2% dos casos, ou a "baixa densidade defensiva", aquelas situacións nas que o ataque se executa sen defensores entre o balón e a liña de gol.

Duvi – Eduardo Muñiz