Expectativa en Gondomar ante unha nova arribada dos grandes pilotos do Rallye Rías Baixas.

Imprimir
Joan-VINYES-Suzuki-Swift-S1

Os concellos do sur da Provincia de Pontevedra céntranse nestes días na organización do Rallye Rías Baixas. E é que a ninguén se lle escapa o moito que move, a nivel deportivo e de promoción turística, unha proba do campionato de España de Rallyes de Asfalto.
O Concello de Gondomar púidoo comprobar o ano pasado de primeira man. A expectación que xerou a presenza dos vehículos de competición no parque de reagrupamento situado diante do consistorio municipal e o éxito de acollida que tivo a charla con pilotos celebrada no Auditorio Lois Tobío foi tan grande, que deciron repetir nesta edición.

Os 81 vehículos que tomarán a saída no 50º Rallye Rías Baixas aparcarán na praza do concello gondomareño ás 19.20 horas do próximo venres 30 de maio tras disputar a primeira pasada aos tramos de Chenlo- Morgaráns e Alba- Nigrán. A caravana do "Rías" permanecerá alí durante 20 minutos para posteriormente acudir á zona de asistencia e afrontar a segunda pasada por eses dous especiais.

Dous días antes de que o Rallye Rías Baixas se "reagrupe" en Gondomar, os afeccionados que así o desexen, poderán ter a oportunidade de ver de cerca a varios dos pilotos máis punteiros e mediáticos que correrán a proba. Os irmáns Sergio e Diego Vallejo, os pilotos "locais" Alberto Meira e Pablo Pazó, o ex futbolista e actual piloto de rallyes do equipo Suzuki Santiago Cañizares e o seu compañeiro de cores Joan Vinyes contarán aventuras, anécdotas e responderán ás preguntas dos asistentes nunha charla coloquio que se celebrará no Auditorio de Gondomar; escenario no que o fotógrafo gondomareño Kike Salgueiro exporá unha mostra con varias das mellores instantáneas tiradas nos rallyes do Campionato de España. A cita, mércores 28 de maio ás 20 horas con entrada libre, até completar aforo.