175 xogadores participaron do I Torneo de xadrez Dani da Rocha Prol, organizado polo Club de Xadrez Laroca.

Imprimir
5-diseno-ajedrez[1]

O pasado 17 de maio tivo lugar en Nigrán un emotivo e emocionante I Torneo de Xadrez Dani Da Rocha Prol, dirixido ás categorías de base do xadrez galego (de pre-benxamín ata cadete).

 

O torneo foi emotivo porque o Club de Xadrez Laroca (organizador do evento) pretende instaurar este torneo anual na memoria de Dani Da Rocha Prol, xogador do club falecido de xeito inesperado en outubro de 2011 aos 13 anos de idade. A maioría de clubs e escolas de xadrez galegas enviaron aos seus mellores xadrecistas, moitos amigos, antigos compañeiros e afeccionados de toda Galicia e do Val Miñor en particular quixeron recordar a Dani no seu Torneo. Isto fixo que a organización tivese que aumentar o número de prazas do evento e pechar a inscrición un día antes.

Ademais, o torneo foi emocionante. Forma parte do VII Circuíto Galego Promoción do Xadrez 2012, organizado pola Federación Galega de Xadrez. Participaron os campións galegos de cada categoría e algúns dos mellores xadrecistas do estado español. O torneo foi moi disputado en tódalas categorías sen un vencedor claro ata a última rolda. Os participantes amosaron un xadrez de moi alto nivel e unha  capacidade de loita e deportividade digna de eloxio en deportistas tan novos.

A parte dos 175 deportistas participantes, máis de 500 persoas pasaron durante toda a xornada polo Pavillón Municipal de Panxón para presenciar esta competición xadrecística  e manifestar o seu apoio á iniciativa.

Tras a emoción da competición, tivo lugar unha emotiva clausura e entrega de trofeos. Estiveron presentes o Alcalde de Nigrán, a Concelleira de Deportes, o Vicepresidente da Federación Galega de Xadrez, o Presidente e Vicepresidenta do Club organizador e a familia de Dani Da Rocha Prol. O Torneo rematou cun sorteo de regalos entre tódolos participantes.