Camilo Nogueira nas tertulias do IEM

Imprimir
O próximo venres 2 de decembro, ás 20:30 h. no PAZO DA ESCOLA de Mañufe, Gondomar terá lugar unha nova TERTULIA DO IEM: O autor e a súa obra. Nesta ocasión estará con nós o enxeñeiro, economista e dirixente nacionalista Camilo Nogueira Román. A presentación do noso convidado correrá a cargo da profesor Carlos Estévez.
Ao remate da conferencia-coloquio celebrarase unha CEA co conferenciante, podendo facer a súa reserva no 629 890 320 ou en resposta a este correo, tendo en conta que as prazas son limitadas. 
O convidado.-
Camilo Nogueira Román naceu o 22 de novembro de 1936 no concello de Lavadores, integrado en Vigo logo da Guerra Civil. Estudiou na Escola Industrial de Vigo e pasou polas escolas de Enxeñería Industrial de Bilbao e de Madrid. Tamén cursou a licenciatura de Ciencias Económicas na Universidade de Santiago. 

En 1964 entra a traballar na fábrica viguesa de Citroën como enxeñeiro e participa nas grandes folgas obreiras de 1972. Forma parte de Galicia Socialista, un grupo que daría orixe ao sindicalismo nacionalista galego e que acabaría fusionándose coa UPG en 1971. 

Contribuiu a fundar a Asemblea Nacional Popular Galega e o Bloque Nacional Popular Galego (foi nas listaxes de 1977). Tamén estivo implicado na creación do Partido Obreiro Galego (POG), que evoluciona cara Esquerda Galega, un partido nacionalista de esquerdas que chegou a acadar tres deputados nas Autonómicas do 81. Nesta época, Nogueira participa na redacción do anteproxecto do Estatuto de Autonomía de Galicia. 

Esquerda Galega fusiónase co Partido Socialista Galego e ambos os dous acabarían integrándose no BNG co nome de Unidade Galega en 1995. A entrada de Camilo Nogueira no Bloque foi recibida con satisfacción entre os militantes, ao considerar que se producía á fin a unión do nacionalismo galego.
Nogueira foi deputado no Parlamento galego nas lexislaturas 1981-85, 1985-89, 1989-93 e no periodo 1997-99 da lexislatura 1997-2001, ata que foi elixido deputado no Parlamento Europeo. Foi tamén membro da Executiva do BNG e responsable de 

Relacións Internacionais.
Acompañamos esta nota dun anaco dun máis amplo artigo de Suso de Toro, publicado no momento en que Camilo Nogueira se postulou como candidato á presidencia da Xunta nas eleccións internas do BNG.

DIGO CAMILO E XA
Por Suso de Toro
 

Hai cousas que a sociedade sabe, a evidencia clamorosa do peso da figura de Camilo, iso é o máis importante.Pode ser que algúns militantes saiban cousas de Camilo que o conxunto da cidadanía ignora e que explicaría que a súa figura fose preteritada, algunha mácula infame na súa vida persoal, algunha corruptela inconfesábel..., se non é así vai resultar difícil de explicar que non se lle ofreza á sociedade como candidato. 

Coido que iso non existe, e penso que os militantes todos do nacionalismo galego deberan coñecer a memoria interna desta corrente política que se refundou a principios dos anos sesenta desde a esquerda, afrontando graves dificultades de todo tipo. E se fan memoria desa historia que si que é a do nacionalismo progresista, aí estará a figura de Camilo, fillo dun directivo na República do PG vigués, cun papel fundamental na Asociación Cultural viguesa, na constitución de Galicia Socialista, na folga xeral do 72, nos inicios do sindicalismo nacionalista, e logo na UPG e na AN-PG. Camilo foi un dos creadores do “Hardware” do nacionalismo galego actual é, desde logo, quen saiba as posicións defendidas por cada un entre o ano 77 e a actualidade sabe que é o creador do “Software”, os programas e as ideas, que manexa hoxe o nacionalismo galego. Se alguén encarna para a sociedade galega o galeguismo como forza modernizadora, capaz de sacala do atraso é este enxeñeiro que creou nos anos oitenta e noventa todo un programa de transformacións pendentes aínda e necesarias. Camilo é onde eu vexo actualizada para o noso tempo a madurez histórica alcanzada definitivamente polo galeguismo durante a II República e logo nas reflexións no exilio de Castelao. Porque nel o galeguismo non é temeroso nin encollido, nel é, como quería Bóveda, práctico, pacíficamente ofensivo e aberto ao noso tempo. En Camilo está a paixón nacional de Castelao e o sentido táctico de Bóveda. 

E remato por dicir que Camilo é para min un amigo leal, de quen aprendín que o tempo que nos toca vivir, coas súas dificultades e posibilidades, non é o noso enimigo e que as transformacións socioeconómicas e tecnolóxicas que se suceden inevitabeis plantexan novos problemas mais tamén novas posibilidades. É un incansábel optimista histórico que desconcerta a quen fai da morriña e da queixa unha pose vital, pero que nos pon diante a todos constantemente as posibilidades que ten o noso país. E síntome ben orgulloso de telo acompañado na súa aventura nalgunhas épocas. 

De par del vin que era unha persoa que sintonizaba coa xente común, tiña a dose xusta de paixón e de razón ao dirixirse á sociedade. E tamén vin que había algo nel que chocaba coa cultura política dalgúns militantes nacionalistas, coa súa desconfianza, buscaban en van en Camilo unha segunda intención nas posicións que defendía: nunca houbo tal, Camilo, errado ou non, sempre defendeu as posicións que defendeu non por protagonismo ou beneficio persoal senón porque coidou que eran as máis xustas e axustadas. E sempre houbo unha coherencia tremenda entre a súa vida persoal e o que defendeu en público. Tal coherencia persoal que lle creou reproches desde posicións de cinismo vestidas de falso progresismo. Contodo, ese ser dunha peza, esa coherencia ferreña probabelmente sexa o que o fai seguir sendo o que foi sempre, un tipo vital e animoso que sorprende e como non coñezo outro. 

E todo Camilo se resume nun rapaz do barrio de Lavadores vigués, neto de campesiños e fillo de galeguista vigués comprometido coas sociedades agrarias. Un rapaz deportista e estudante que estudou enxeñería industrial, e logo económicas mentres traballaba. Que non dubidou en pagar uns altos prezos persoais por defender os seus ideais; se alguén demostrou valor persoal e entrega sen volta é ese home. E causa vergoña ter que lembrar aquí estas evidencias que deberan ser coñecidas ou lembradas, pois se a traxectoria vital e política desta figura pública, se a súa capacidade política, o seu prestixio persoal e o seu gancho electoral non é sentido como patrimonio non só dos galeguistas senón de toda xente que ame este país, que sexa progresista..., daquela é que non merecemos a Camilo Nogueira.