Tertulias do IEM con Quico Cadaval

Imprimir
Continua a desenvolverse o ciclo de TERTULIAS DO IEM: O autor e a súa obra deste curso 2004-05. A terceira das tertulias terá lugar o próximo venres 3 de decembro, ás 20:30 h. no PAZO DA ESCOLA de Mañufe, Gondomar.

Nesa data estará entre nós o contador de historias, actor, autor e director teatral Quico Cadaval que será presentado polo profesor Xosé Bieito Legaspi Villamarín. Nado en Ribeira en 1960, Quico Cadaval posúe unha ampla traxectoria profesional no eido escénico como director, dramaturgo, tradutor, actor e narrador, á que cómpre engadir os seus traballos en radio e televisión.

Como director escénico púxose a fronte de montaxes como Directamente Paco II, Días sen gloria, Squash, Doberman, Como en Irlanda, A voda dos moinantes, Cantiga do desterro. Chanson d´exil, A cor das cerejas (en Portugal), Speer. El arquitecto de Hitler, Un lunar vermello e A Cigana vermelha da  Ilha Terceira (en Portugal tamén)... E foi axudante de dirección en espectáculos como A pousadeira, El astrólogo fingido, La noche de las Tribadas, A esmorga ou Si o vello Sinbad volvese ás illas... Ã? guionista e director dos espectáculos de Mofa e Befa (Para ser exactos, Cultura para dar e tomar e Finis Mundi Circus) cos que segue a traballar despois de máis de dez anos (actualmente no programa Máxima Audiencia da Televisión de Galicia).

Como autor é responsable de Un Códice clandextino (interesante montaxe sobre as cantigas medievais galego-portuguesas), O Rousinol da Bretahna (Premio Compostela ao mellor texto teatral en 1992), ámbalas dúas representadas polo seu grupo O Moucho Clerc, Balada das mulleres doutro tempo (con Xepe Casanova), O rei nu (con Cándido Pazó), Memoria de Antígona (con Xabier Lama), a adaptación de Se o vello Simbad volvese ás illas, Rapatú (que recibiu o premio María Casares ao mellor texto adaptado na edición do ano 2003), O ano da cometa ou textos adicionais para grupos como Ollomol ou TBO Teatro.

 

� tradutor tamén de Gali e Matías, de H. Parmeline e O bestiario do amor, de R. de Fournival.

 

Como narrador de historias ten varios espectáculos segundo a temática: a violencia contemporánea, historias de mariñeiros, contos árabes ou contos tradicionais, o seu Falar x Falar, co que percorreu toda Galicia e ten participado nos máis importantes eventos internacionais do xénero. Achégase hoxe ás 300 representacións.

 

Na televisión participou no programa Apaga a lus da TVG, na Operaçao Trunfo da televisión portuguesa como profesor de interpretación, n´A Rosa de Pedra e no programa Máxima Audiencia, tamén na TVG, na que dirixe na actualidade a serie A miña sogra e máis eu. Participou tamén na radio en programas para Radio Fene, Radio 4 de RNE, Radio Galega  ou Radio Voz.

Como sempre ao remate da conferencia-coloquio, aberta ao público, celebrarase unha CEA cos conferenciantes, no mesmo Pazo da Escola, previa reserva que se poderá facer no 629 890 320.