Primeira captura en 3D dun petróglifo do Val Miñor, na parroquia de Couso.

Imprimir
Luis Rovés e Pablo de Arquer do ITMA durante o escaneo do petróglifo.

Os petróglifos do Sobral (Couso) ten dende a madrugada do martes unha réplica dixital en 3D realizada polo Instituto de Estudos Miñoranos e o Instituto Tecnológico de Materiales de Asturias. Trátase da primeira peza de arte rupestre miñorano que poderá ser arquivada e reproducida ad infinitum cunha precisión micrométrica. Esta achega tecnolóxica - científica posibilitará aos investigadores pescudar coas vantaxes da tecnoloxía 3D: hologramas a tamaño real, proxección en pantallas multitáctiles, reprodución das pezas en diversos materiais, etc. Ao mesmo tempo os especialistas salientaron a importancia destes traballos de cara á seguridade, conservación e divulgación deste patrimonio cultural de Galicia.

Ao longo do vindeiro mes de setembro os traballos conxuntos entre a Sección Arqueolóxica do IEM e mais os especialistas da Fundación ITMA Instituto Tecnológico de Materiales de Asturias proseguirán noutros complexos de arte rupestre da bisbarra (Auga da Laxe, Outeiro dos Lameiros e Monte Tetón), co fin de materializar a primeira parte do proxecto " ESCANEO EN 3D SEN CONTACTO E MDT DE PETRÓGLIFOS DO VAL MIÑOR", no que tamén participa o Instituto de Cerámica de Galicia (ICG).

A primeira xornada de traballo, contou coa participación dos especialistas da ITMA Luis Rovés e Pablo de Arquer, membros do Departamento de Óptica e electrónica. Os mesmos salientaron a riqueza do traballo conxunto que dende a tardiña do pasado luns e ata a madrugada deste martes, mantiveron cos arqueólogos e expertos do IEM, nunha experiencia pioneira na península en materia de arte rupestre. A actividade contou coa colaboración de membros da Comunidade de Montes de Couso, institución que leva adiante importantes traballos de investigación, recuperación e posta en valor do patrimonio cultural do monte desta parroquia do concello de Gondomar.

Este proxecto foi seleccionado pola Secretaría Xeral da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia no marco das subvencións correspondentes á tecnoloxía dos materiais e da construción dos programas sectoriais de investigación aplicada, PEME I+D e I+D Suma do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación tecnolóxica cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013. O custe do proxecto é de 103.717,55 € e a subvención cubre o 70%.

Dim lights Embed Embed this video on your site