A escola fusilada

Imprimir
  • Anterior
  • 1 of 2
  • Seguinte
Por Carlos Méixome - Publicado na Peneira
Baixo este rótulo, tomado do documental de Daniel Álvarez e Iñaki Pinedo, celebrouse unha homenaxe aos docentes, mestres e mestras, mortos ou represaliados durante a Guerra Civil e a posterior Ditadura.

A homenaxe, organizada polos movementos de renovación pedagóxica co apoio dos sindicatos de ensinantes e a colaboración da Presidencia e das Consellerías de Educación e de Cultura e Deportes, tivo lugar nas instalacións do Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA) en Santiago de Compostela. No acto tomaron a palabra testemuñas vivas e relevantes como Antía Cal, Isaac Díaz Pardo, Avelino Pousa Antelo ou Herminio Barreiro Calvete.
O documento co que os organizadores convidaban a participar neste acto levaba incorporada unha listaxe de docentes asasinados en 1936. Descoñezo se o inventario do profesor Antón Costa Rico é completo, aínda que sabendo do seu rigor atreveríame a dicir que debe estar moi preto. É longa dabondo a lutuosa relación. Na mesma anótanse 87 nomes de mestres e mestras vítimas da feroz represión. Nela, tamén, infortunadamente, está presente o Val Miñor co nome do mestre de Nigrán José Vázquez Grela, sobre o que deitou abundante información o historiador Xoán A. González Pérez no seu libro, a piques de saír a segunda edición corrixida e aumentada, Nigrán. Memoria dunha guerra.

Un dos informantes de González Pérez lembra un mitin polo Estatuto no largo da festa das Angustias, no mesmo lugar dende o que partiu ese outro día unha enxurrada de xente pedindo a retirada do Plan Xeral de Nigrán. O mitin celebrouse o 21 de xuño de 1936, xusto, e xa é coincidencia, 70 anos antes que a homenaxe compostelá aos mestres e mestras, ás catro da tarde, segundo recollía El Pueblo Gallego. Tomaron a palabra, di o informante: o mestre Vázquez Grela; os irmáns Luís e Pepe de Inés, os Ineses, asasinados en Sabarís o 13 de outubro de 1936 e os tamén irmáns Villafines, José e Agustín. O primeiro, presidente da Sociedade de agricultores de Sabarís. O segundo, alcalde de Baiona. Ambos condenados por rebelión militar a trinta anos de reclusión perpetua.

Distintos informantes coinciden en definir a Vázquez Grela como un home moi culto (“sempre estaba a ler libros”), bo orador (“falaba moi ben”), republicano de esquerdas (“sempre andaba a contar os plans que tiña o goberno da República para sacar España adiante e dar ensino a todos”), activista (“daba mitins e conferencias”) e solidario (“quería apoiar aos máis pobres”).

A sublevación fascista aterrorizouno e segundo varias testemuñas intentou colaborar co novo réxime con achegas económicas, declaracións políticas, asistencia diaria á misa, etc. De nada lle serviu. Severino Crespo, alumno de Vázquez Grela relata os feitos: “Debían ser as doce, ou doce e cuarto da mañá, a porta estaba entreaberta e aínda así petaron, o Grela díxonos que abríramos e así o fixemos, era un famoso Garda Civil de Bouzas que lle chamaban “O Rabioso” e tres falanxistas tamén de Bouzas (...)

(...) sacárono e metérono nun coche daqueles antigos e baixaron cara ó cruce, torceron á esquerda e metéronse pola estrada de Camos. Niso a muller baixa correndo as escaleiras e só puido ver o coche como torcía cara ás Angustias, saíu correndo(...) cando chegou preto das Angustias xa se oíron os tiros. Levárono pegado por un carreiro ó lado do cemiterio polo contrario ó do Cean e dixéronlle que baixara que o ían levar xunto do cura, así como comezou a andar pegáronlle cinco tiros polas costas, ó lado dun carballo(...)”

O mestre de Nigrán fracasara no seu intento de salvar a vida. Os sublevados poñían en marcha a súa estratexia de terror e eliminación física dos partidarios do réxime republicano. Nada os ía deter, tampouco hipotéticas conversións.

O 12 de setembro de 1936 ao mestre de Nigrán pillárono na súa propia escola, ante os aterrorizados ollos dos seus alumnos, e matárono, ao mediodía, uns centos de metros máis abaixo, no barrio da Devesa. Dirixía o comando de pistoleiros o tristemente célebre tenente da Garda Civil Francisco González Rodríguez “O Rabioso”, sobre quen pescudou con detalle o historiador Xoán Carlos Abad Gallego. O terror estendeuse polo Miñor coa mesma rapidez que as novas sobre o seu asasinato.

José Vázquez Grela tiña cincuenta anos, nacera no concello de Padrón, preto da Escravitude, na terra de Iria, como diría Anxo Angueira, e ao pé da pena da Grela. Casara con Josefa Iglesias, natural de Cuntis e con quen tivera seis fillos: María Asunción, Antonio Manuel, Julia, Alfredo e José Gonzalo, o máis cativo e menor de idade cando lle asasinaron o pai. A inscrición practicada en virtude de “diligencias practicadas por la autoridad militar” explicita que a causa da morte foi por “heridas por proyectil de arma corta de fuego en la cabeza y el pecho”. Alguén anotou nunha esquina da folla do rexistro: accidente. Soa a ironía.