A traxedia chega a Tebra

Imprimir
Tranvia Vigo Baiona entre o millo


Por Carlos Méixome
Na anterior Chan de Val Verde recuperabamos os nomes de cinco empregados da Compañía de Tranvías de Vigo asasinados na noite, diciamos erroneamente do 22 de setembro do 36, cando en realidade foi na seguinte. A confusión veu orixinada, ademais de pola impericia de quen isto escribe, polos numerosos crimes cometidos en datas moi próximas na bucólica e fermosa parroquia tomiñesa de Santa María de Tebra.

Naqueles días, infortunadamente, viviron xornadas de horror e traballo os veciños de Tebra, de Santa María, que, a ben seguro, atoparon axuda e consolo nalgúns veciños da homónima parroquia de San Salvador. O cemiterio foi un constante ir e vir de xentes traendo cadáveres. No rexistro civil de Tomiño están asentados o día 24 de setembro os tranviarios aos que nos referimos no artigo anterior (José Cabreira Valverde, de Nigrán; Horacio Rouco Álvarez, de Coruxo; Marcelino López Ameneiros, de Lavadores; Álvaro Soliño Araújo, de Teis e Jacobo Barreiro Pereira, de Vigo). Os cinco enterrados no cemiterio de Santa María de Tebra. Non eran os primeiros, nin serían os últimos.

A traxedia chegara xa unhas horas antes á parroquia dominada pola poderosa torre medieval e polos máis de dous metros de diámetro do espectacular petroglifo circular do monte Tetón. O 22 de setembro ás 12 da mañá o xuíz municipal de Tomiño procede a asentar no rexistro os cadáveres de José Groba Domínguez, de 30 anos, casado con Lidia Martínez; de José Groba Rodríguez, casado, de 27 anos; de Antonio Francés Carpintero, tamén de 27 anos, casado con María Rodríguez González, quen deixou dúas fillas, María Elena (6 anos) e Adelina (5 meses); do seu irmán, Eleazar Francés Carpintero, de 25 anos, casado con Loreto Pereiro Pérez, quen deixou un fillo de dous anos que conservou o seu nome; finalmente, di o escribán municipal, “un portugués que dicen ser José Rocha”. Os cinco eran veciños do Porriño, os cinco foron asasinados no monte Salgueiró e os cinco foron enterrados en Tebra.

Cómpre agradecerlle ao redactor das actas de Tomiño a súa lacónica expresión, que o diferenza doutros requintados escribentes que recorren a resabidas expresións como “hemorragia intercraneal y torácica” para referirse á causa da morte. O tomiñés exprésao cun simple “disparos de arma de fuego”. Tamén é de sinalar a despectiva frase “un portugués que dicen ser...”. Nalgunha ocasión poderíase facer unha relación dos moitos portugueses asasinados, cando menos nos concellos do sur pontevedrés, e das despectivas frases a eles referidas nas actas de defunción.

Entre diversas notas do xuíz atópase unha carta manuscrita do pai dos dous irmáns asasinados, José Francés González, na que se fai unha minuciosa relación dos familiares dos defuntos que inclúe o nome dos pais dos mortos, dos avós paternos e maternos e mesmo dos proxenitores das mulleres dos asasinados. A misiva ten un pouso de enorme dignidade. Nela a familia, ao completo e conxuntamente, identifica e reclama os cadáveres dos seus mortos.

Noutra ocasión volveremos sobre os Francés, enxertados por José no Porriño dende a súa orixinaria Forfoleda salmantina. Hoxe tan só lembrar que un terceiro fillo de José e Orícera, José Francés Carpintero, avó do actual alcalde do Porriño, Raúl Francés, foi fusilado en Tui nunha das moitas matanzas cometidas polos sublevados despois de que a vila fronteiriza caera nas súas mans.

Diciamos máis arriba que non serían os últimos cadáveres aparecidos en Tebra os dos cinco empregados de Tranvías de Vigo. Así foi, o 26 de setembro quedou inscrita a defunción de José Rodríguez Vigo, de 35 anos de idade, solteiro, domiciliado no nº 33 da rúa Uruguai de Vigo, de profesión mecánico dentista e natural de Fisterra. O cadáver apareceu en Padrón, na parroquia regada polo Cereixo, ou Briña, que baixa con présa dende as terras altas de Pinzás cara ao Miño. Foi enterrado no cemiterio parroquial e identificado por un carné internacional e a testemuña dun comerciante tomiñés.

Entre o 22 e o 26 de setembro de 1936, os cadáveres de once traballadores recibiron a terra nesta encimada parroquia do Baixo Miño. Que a terra lles fose leve e a memoria lles sexa longa. 

Carlos Méixome (IEM)- Publicado no diario A Peneira