Tobio e a vangarda

Imprimir
Por Carlos Méixome  - Publicado no xornal A Peneira

O 13 de xuño de 1906 naceu, en Viveiro, Lois Tobío Fernández. Andamos mediado o seu centenario (1906-2003) e poucos foron os actos públicos de recoñecemento dunha das figuras máis representativas do galeguismo nacionalista e, ao tempo, un activista cultural de primeira orde. Agardemos, temos confianza e seguridade, que no que resta deste 2006, sexamos quen de corrixir a falla e que as institucións, ás que lles corresponda, poñan os medios para que a personalidade de Tobío goce dunha ampla difusión, cando menos nos círculos cultos da sociedade galega que se recoñece como tal. A súa fecunda lonxevidade mesmo permite seguir na súa intensa traxectoria persoal os devalares dun non menos intenso, e tráxico, século que se nos foi. Os mesmos cen anos que cumpre a Academia Galega, na que nunca pousou Tobío, cumpriría don Lois de podelo ter entre nós.
Sempre que matinamos sobre a vida e a actividade pública do viveirense chámannos profundamente a atención dous aspectos. Primeiro: aínda que dende 1933 non volveu residir, de forma permanente, en Galiza o seu pensamento e a súa acción política sempre estiveron presididos pola realidade dunha nación negada e, xa que logo, da súa urxente e permanente necesidade de afirmación. A identificación co destino do seu país era a cerna dun pensamento que ten a súa xénese naqueles anos mozos marcados a ferro pola traxedia e a nova Europa que nacía dos rescaldos da Gran Guerra, aparentemente sufocados en Versalles; xurdía da lúcida percepción de que non todas as nacións europeas puideron abrollar despois da desfeita dos imperios decimonónicos e que ese feito e o forzado deseño do mapa europeo, nomeadamente no caso alemán, achegaban altas doses de inestabilidade á explosiva realidade condicionada polas vellas pulsións imperiais e a dexeneración moral e política representadas polos fascismos varios. Coñeceu de primeira man estas tensións cando na primavera de 1930 chegou ao Berlín que anunciaba o ascenso nazi e alí conviviu, e sobre todo confrontouse, con Risco, como este último deixou recollido no seu Mitteleuropa. Por iso Tobío consideraba que as pequenas nacións poderían ser comprendidas dende os postulados do marxismo e de formulacións políticas concretas por el inspiradas que viñan de admitir a independencia de Finlandia, Estonia, Letonia, Lituania, Polonia..., pero nunca dende os preceptos reaccionarios cos que comungaba Risco. Como Castelao, Tobío nunca se reclamou do marxismo, mais consideraba esta ideoloxía como próxima. Tamén como Castelao soubo distinguir entre a posición conservadora de Otero e o delirio autoritario de Risco.

 

 O segundo aspecto que chama a atención é o seu sentido do necesario, da oportunidade, do matinar no futuro, de ollar para adiante, de achandar camiños, en definitiva de estar abertos á innovación e á vangarda.  Así era Tobío tanto no eido persoal como no ideolóxico ou o político.

En todas as grandes iniciativas políticas do nacionalismo da primeira metade do século XX aparece Tobío. Non é un personaxe de primeira liña, senón un fogueiro que subministra ideas á locomotora e un diplomático que sabe da importancia do diálogo, do contraste de pareceres e da necesidade de achegar posicións entre os que participan do mesmo proxecto. A súa habilidade quedou demostrada cando tivo que salvar, a última hora, o Primeiro Congreso da Emigración Galega, ante a proposta de boicot defendida por Blanco Amor e outros.

Naquel importantísimo acontecemento celebrado en 1956, centenario do Banquete de Conxo, e organizado polo Consello de Galiza, Tobío desempeñou un destacado papel, coma sempre entre bambolinas, que nesta ocasión quedou recollido nas actas do congreso ao rexistrarse as palabras de  don Manuel Puente, o xeneroso mecenas do galeguismo a unha e outra beira do Prata. Non nos resistimos a reproducilas:

“Mais teño a obriga tamén de sinalar e de eisaltar a quen foi fautor e alicerce que posibilitou o éisito. Os organizadores tivemos senso de responsabilidade e, naturalmente, acudimos a un irmán sabido pra que nos fixera unha laboura que nós, homes emigrantes sen preparación nin capacidade inteleitual, non podíamos facer; a saber: a estroituración literaria, temática e regulamentaria do congreso. E acodimos a un irmán que vive en Montevideo, quen, pola súa sinxeleza, -belida fror espritoal-, pola súa caridosa comprensión da maneira de ser, do sentir e do pensar dos irmáns emigrados, e ademais polo seu afervoado patriotismo galego, ceibe de infruencias alleeiras, úneca i escrusivamente comprometido coa Terra sagra, coa Galicia nai...; ise irmán a quen nós e a patria lle estaremos por sempre agrasdecidos, é un home que nos honra eiquí ca súa compaña: Luís Tobío.”

Con anterioridade e a petición de Castelao, Tobío participa no deseño da proposta do Consello de Galiza. Moito lamentaba que se perderan as cartas que sobre este particular lle enviara o rianxeiro. Deixáraas en Montevideo por non considerar moi seguro traelas consigo cando regresou do exilio (1962) e alá desapareceron. Nos anos finais da década dos cincuenta Tobío traballa con dedicación en coidar todos os detalles do primeiro gran proxecto editorial da cultura galega, a Historia de Galiza que dende Trasalba dirixía Otero e dende Bos Aires sufragaba Manuel Puente.

As achegas do labor de Tobío ao proceso de construción da nación viñan evidentemente de moito antes. Sendo un mozo universitario centrado nos seus estudos de Dereito, pero tamén coa convicción de que cumpría darlle a todo un pouco andaba sempre enleado en traballos de investigación histórica, etnográfica ou lingüística, aspecto este último que o atrae dun xeito especial. Co paso dos anos as linguas iranse convertendo nunha das súas grandes paixóns, que andando o tempo lle servirían non só para achegar o sustento á familia senón tamén para iniciar outro camiño imprescindible na normalización da nosa lingua, a tradución. Tobío verteu ao galego a Shelley, Keats, Baudelaire, Verlaine, Rimbaud, Rilke (Sonetos a Orfeo), Brecht (Nai Coraxe e mais os seus fillos), Goethe (Fausto) entre outros. O Tobío políglota foi tamén un dos primeiros en impartir aulas en lingua galega na universidade compostelá, onde foi profesor durante os primeiros anos da República.

 Aqueles traballos iniciais empurrárono a promover, xunto a outros mozos universitarios e co paraugas dalgúns poucos prestixiosos profesores, o Seminario de Estudos Galegos que quedou constituído (1923) despois dunha camiñada ata o Ortoño rosalián. A transcendencia desta iniciativa é ben coñecida. Anos máis tarde e despois da estadía en Berlín, Tobío forma parte dun grupo de traballo do Seminario encargado de elaborar un Anteproxecto de Estatuto. Naquela comisión estaban: Bóveda, Paz Andrade, Carballo Calero, Risco e Tobío. A achega de Bóveda foi no aspecto económico; a de Risco, fundamentalmente teórica, chegou tarde e non se tivo en consideración provocando o enfado do ourensán. O aspecto político realizárono basicamente Carballo e mais Tobío.

 Aquel anteproxecto presentouse o 6 de maio de 1931, menos dun mes despois de proclamarse a II República e o seu artigo primeiro dicía:

“A Galiza é un Estado libre dentro da República Federal española”.

 Logo non sería nin estado libre nin a república sería federal. Mais Tobío e os nacionalistas do Partido Galeguista terían que conseguir a aprobación dun estatuto que estaba lonxe dos seus desexos e ao cabo terían que defender, mesmo coas súas vidas, unha República que non foi a que soñaban.

Aos poucos meses Tobío participa na creación do Partido Galeguista (decembro de 1931) e o documento do anteproxecto converteuse na base do programa partidario. Despois o seu traballo como diplomático de carreira levarao a distintos destinos. A guerra obrigarao a regresar a España e ocupar postos de relevo en distintos ministerios, primeiro en Valencia, logo en Barcelona. Logo o exilio.

Como diplomático sentiuse atraído pola brillante personalidade de don Diego Sarmiento de Acuña, 1º Conde de Gondomar. Ao estudo do embaixador da monarquía católica ante o rei Xacobe I dedicoulle moitos anos empurrado pola certeira intuición de que as súas cartas e documentos poderían deitar luz sobre os denominados “séculos escuros”.

Como en toda obra ben feita, Tobío soubo colocar o ramo. O seu foi As décadas de T.L. Inauguraba así un xénero pouco coidado na literatura galega, o do libro de memorias. E facíao cunha dimensión e unha calidade que se tardarán en superar. Rematadas As décadas, Tobío agardou estoicamente pola súa hora sempre ben informado do acontecer diario no seu país.