Afectados maniféstanse contra a privatización do servizo social para persoas con discapacidade.

Imprimir
Momento durante a manifestación
Momento durante a manifestación
  • Anterior
  • 1 of 2
  • Seguinte

Unha concorrida manifestación tivo lugar en Vigo por parte de familiares, usuarios e traballadores en defensa da Asociación Galega San Francisco (AGASFRA)

A Xunta de Galicia sacou a concurso público o servizo de atención a persoas con discapacidade que até o de agora cumpría en Coia a Asociación Galega San Francisco (Agasfra). A medida afecta a 74 usuarios e deixará na rúa próximo a 20 traballadores desta organización sen ánimo de lucro.

En rexeitamento desta medida, este mércores tivo lugar unha marcha, na que participaron usuarios, familiares, amigos e traballadores do centro que partiu de Vía Norte ás 20.00 horas e rematou na Porta do Sol, onde se deu lectura a distintos comunicados.

Os afectados e as súas familias reivindicaron que a súa opinión sexa tomada en conta durante o proceso para poder escoller centro, xa que tras a concesión terían que desprazarse até o concello de Mos.

Pola súa banda, os traballadores de Agasfra denunciaron que a decisión da Consellería de Traballo de privatizar o servizo suporá a desaparición de máis de 20 empregos, tendo en conta que a subrogación de persoal non figura no prego de condicións do concurso.
Os traballadores contan co apoio das tres centrais maioritarias CIG, CCOO e UGT nas súas reclamacións. Nese senso, días atrás fíxose entrega na Consellería de máis de 1500 sinaturas esixindo o mantemento do emprego no centro vigués e denunciando as políticas de privatización dos servizos públicos.