1425 millóns para financiación do novo hospital de Vigo que reduciu 500 camas das 1400 previstas

Imprimir
Obras do novo hospital Vigo en Valadares | Sergas

A Federación de Sanidade de CC OO de Galicia denuncia a «campaña de propaganda» da Xunta sobre o novo hospital de Vigo. O sindicato faise eco dunha publicidade que o Goberno autonómico inseriu en varios xornais co lema «cada euro conta» e na que aparece a imaxe do centro vigués.

 O sindicato concorda con que «cada euro conta», ora ben, Comisións critica que Alberto Núñez Feijóo decidira suspender un proxecto de hospital que estaba acordado cos profesionais e cos axentes sociais, que ía custar 390 millóns, que se executaría a través dunha sociedade pública de investimentos e atendería unha poboación de referencia de seiscentas mil persoas, incluíndo as que actualmente atende o centro privado POVISA.

Pola contra, Feijóo apostou por hospital financiado de maneira privada, cunha concesión a vinte anos e un custo de 1.425 millóns «que deberá pagar a sociedade galega», sinala Ángel Cameselle, secretario xeral de CC OO-Sanidade. Ademais, o novo centro será máis pequeno do que estaba proxectado ao primeiro, co que se manterá o «déficit asistencial» no sur de Galicia e continuará o concerto con POVISA, que custará 760 millóns durante dez anos. «En resumo, unha hipoteca que pagaremos todos os galegos e galegas», censura o sindicalista.