O IEM abre ao público a estación arqueolóxica paleolítica d'O Cabrón en Arbo.

Imprimir
arbo-18-07-2012

O xacemento arqueolóxico paleolítico d'O Cabrón (concello de Arbo,) un complexo duns 300 mil a 500 mil anos de antigüidade, será aberto ao público este sábado 21 de xullo. Os visitantes poderán asistir no horario das 11:00h e ás 18.30h, para participar dun percorrido guiado polo equipo do Instituto de Estudos Miñoranos (IEM) que está a desenvolver a súa 3ª tempada de traballos nesa estación arqueolóxica.

O equipo dirixido por Eduardo Méndez (director da escavación) amosará o asentamento paleolítico, as diferentes sondaxes nas que se está a investigar, así como parte do material atopado. Ademais, na percorrida das 18:30h, terá lugar unha demostración do uso das ferramentas paleolíticas.

Esta actividade, organizada polo IEM e o Concello de Arbo, pretende achegar ao público unha experiencia de contacto directo coas testemuñas deixadas por unha das primeiras especies de homínidos que habitaron a actual Galicia, probablemente correspondentes ao Homo Heildelbergensis ou Homo Neanderthal arcaicos.

Sábado 28 de xullo.

As visitas abertas e guiadas á estación d'O Cabrón repetiranse o sábado 28 de xullo nos mesmos horarios. Como finalización das actividades divulgativas durante este período de escavación, o sábado 28 tamén terá lugar ás 20:00h, no Museo ARABO de Arbo, unha conferencia onde se presentarán os resultados das pescudas e unha demostración da elaboración e uso das ferramentas paleolíticas.