Máis de cen futuros técnicos en toponimia rematan a súa formación en Gondomar.

Imprimir
toponimia-curso

-Durante este venres 23 e o vindeiro sábado 24 rematará na sede do Instituto de Estudos Miñoranos, o I Curso de Formación de Especialistas en Toponimia que formará a máis de cen técnicos de campo.

-Con cento dez persoas matriculadas, o curso desenvolveu as súas anteriores sesións en Vigo (os días 2, 3, 9, e 10 de marzo) e en Pontevedra (23 e 24 de marzo) co obxectivo de formar especialistas na recollida de toponimia, achegarse á metodoloxía e ás ferramentas básicas, aproximarse aos problemas específicos da recollida, coñecer experiencias prácticas e realizar prácticas de campo en distintos concellos.

-Ao remate dos relatorios serán entregados os diplomas acreditativos polo alcalde de Gondomar, Fernando Guitián, o vicerreitor de Extensión Cultural da Universidade de Vigo, Henrique Costas, o director do IEM, Carlos Méixome e o director do curso Gonzalo Navaza.

Galicia ten próximo aos 2.5 millóns de topónimos, lugares do seu territorio que contan cun nome propio. Un patrimonio xurdido durante séculos da necesidade de identificar os espazos xeográficos e que có tempo constituíron unha sinal básica de identidade para os seus poboadores. Non só as cidades e vilas están nomeadas no país (macrotoponimia) , tamén os montes, regatos, chans, leiras e ata as pedras foron "bautizadas" (microtoponimia), co fin de sinalizar puntos do territorio. Nembargante, este tesouro patrimonial está a piques de perderse por mor do esquecemento e o agromar das novas tecnoloxías de localización.

Os nomes dos lugares, especialmente da micro toponimia galega, están na memoria dos maiores. A xente que non contou con GPS nin ordenadores para aprender a situarse no mar, no monte ou entre leiras. Esa sabedoría foi orixinada e conservada durante séculos a base de transmisión oral, de xeración en xeración, sen case testemuño escrito. Nembargante, o seu valor é fundamental e vai máis alá do folclórico ou anecdótico. En xeral cada topónimo agocha unha sínteses dos coñecementos que sobre un lugar específico do territorio se acumulou polas diversas xentes que o habitaron ou transitaron. Síntese que á vez é produto dunha estratexia de comunicación popular tamén case en extinción.

Unha mostra desa riqueza e complexidade dos topónimos está no amplo espectro de científicos e especialistas que abordaron a problemática durante o I Curso de Formación de Especialistas en Toponimia , organizado en forma conxunta polos Concellos de Vigo, Pontevedra, Ourense e máis o Instituto de Estudos Miñoranos, co apoio da Universidade de Vigo. O mesmo desenvolveuse durante o mes de marzo, e para a súa preparación, máis de cen persoas asistiron ás conferencias brindadas por xeógrafos, historiadores, filólogos, cartógrafos, avogados, informáticos e por suposto, expertos no eido da Onomástica, a Toponimia terrestre e a Talasonimia marítima.

Deste curso, que rematará esta fin de semana en Gondomar na Aula de Cultura Ponte de Rosas do IEM, sairá probablemente o maior continxente de especialistas da historia de Galicia. O seu cometido será percorrer a xeografía do país no rescate deses nomes de lugares a través de futuros convenios con administracións públicas e sociedades privadas. Nunha tarefa que se prevé xigantesca á vez que urxente ante a perda acelerada de topónimos e o descoñecemento case absoluto dos mesmos por parte das novas xeracións, aínda as xa adultas.

Nese senso, a organización do curso informou que diversos concellos, entre eles o de Gondomar así como a Área de Normalización da Universidade de Vigo xa comprometeron a chega de varias bolsas de traballo para poder realizar prácticas de recollida de toponimia en diversos lugares.

Presentación do curso no VERBUM de Vigo.

Dim lights Embed Embed this video on your site