O novo hospital de Vigo e o negocio para cargos do PP

Imprimir
hospital cunqueiro

As obras do Álvaro Cunqueiro foron encargadas á empresa Acciona, da que foi directora xeral de internacional unha ex alto cargo do PP. Tamén foi contratada unha viceconselleira do Goberno de Madrid. A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública estima o custe do hospital en 1.795 millóns, moi lonxe dos 450 millóns que ía custa.

Que hai detrás da construción do novo hospital de Vigo? Quen tivo contratos na súa xestión?. Quen se encargará de cobrar por servizos que antes eran públicos e agora son privados?... Son preguntas que se fan moitos dos usuarios do Álvaro Cunqueiro, asociacións e  sindicatos sanitarios e, en moitas das respostas, aparece sempre xente vinculada ao PP.

A maior parte das obras foron adxudicadas a Acciona, unha empresa que aparece citada nos papeis de Bárcenas e na que traballou Carmen Becerril, ex directora xeral de Política Enerxética e Minas co PP, que foi presidenta de Acciona Energía ata 2013 e desde 2013 a 2014, directora xeral de Internacional desta compañía. Tamén aparece vinculada a este hospital, Ana Sánchez, quen foi viceconselleira de Asistencia Sanitaria da Consellería de Sanidade de Madrid.

A Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública vincula os recortes e deficiencias no novo hospital de Vigo á falta de control na execución das obras e especificacións técnicas do centro sanitario.  Esta entidade critica que a Oficina Técnica de Seguimento do hospital fora dirixida pola empresa Efficientia Clinical Management, firma dirixida por Ana Sánchez, e nomeada na Consellería de Sanidade de Madrid por  Juan José Güemes, xenro do ex presidente da Deputación de Castelló, Carlos Fabra.

O 13 de maio de 2011, a entón conselleira de Sanidade, Pilar Farjas- que posteriormente sería secretaria de Estado de Sanidade con Ana Mato- asina unha resolución na que se encarga á empresa pública de servizos sanitarios, Galaria, que se faga cargo da Oficina Técnica de Seguimento (OTS) do novo hospital de Vigo para “controlar e supervisar o cumprimento da execución do contrato entre o Servizo Galego de Saúde (Sergas) e a Sociedade Concesionaria do Novo Hospital de Vigo S.A.

A OTS tamén se encargará da “redacción dos proxectos, seguimento das obras e seguimento do plan de equipamento, ademais de realizar o seguimento, control e coordinación do conxunto de accións necesarias para a posta en marcha do hospital e coordinar a planificación do traslado”.

Galaria decide ceder todas estas xestións a Efficientia Clinical Management, a compañía de Ana Sánchez- constituída o 27 de xaneiro de 2011, apenas 4 meses antes- que, de acordo coa orde citada, publicada no Diario Oficial de Galicia, debe facerse cargo das mesmas até dous anos despois da posta en marcha do novo hospital, é dicir, até 2017. Ademais, tamén se subroga no que se refire ao cobro da cantidade que debía de ser satisfeita a Galaria para a realización dos labores de control, exactamente 3.957.357 euros, máis IVE, cantidade que debe ser pagada pola Sociedade Concesionaria do Novo Hospital de Vigo S.A., a empresa que construíu o hospital e concesionaria da maioría dos seus servizos non sanitarios.

De acordo coa denuncia da Plataforma, esta empresa, que debe de facerse cargo do control e a supervisión do novo hospital, aproba o recorte do número de camas, que pasan de 1.465 do proxecto inicial a 845; tamén se suprimen, integramente, as unidades de Queimados e de Cirurxía Maxilofacial; redúcese o número de quirófanos previstos pasa de 35 a 24, a superficie de Urxencias-a pesar de que o Álvaro Cunqueiro asume as do Xeral e Meixoeiro, que se colapsaron durante anos- queda en 4.300 metros cadrados, fronte aos case 6.000 deseñados e, por tanto, haberá menos camas, exactamente 40 menos: das 72 anunciadas ás 32 reais.

Os recortes no novo hospital

Ademais, o hospital perde o laboratorio central, que se situará no Meixoeiro; redúcese o ámbito destinado a investigación; o parking, que se especificaba que sería público e gratuíto, pasa a ser de pago; o inmoble queda sen o certificado de eficiencia enerxética; non se termina a localización da sala de resonancias- que se está realizando nun camión no exterior do hospital.

A plataforma denuncia que estes recortes abarataron ao máximo,a calidade dos materiais de construción, causando problemas nos primeiros días de funcionamento; “inundacións, caída de reixas, imposibilidade de cravar nada ás paredes, baños con aplicacións de plástico, falta de tomas de auga para beber á marxe das billas dos baños, almacenamento de produtos en andeis improvisados e, finalmente a paralización do traslado por mor da mala calidade do aire en varias zonas e a morte dunha paciente na UCI á que se lle detectaron rastros de Asperfillus”.

“Pese a todos estes recortes e deficiencias a empresa encargada do control de calidade non fai informe contrario algún e, ademais, o orzamento final do hospital dispárase: dos 450 millóns estimados no primeiro proxecto chega a 1.360 millóns”, indica.  Deste xeito o Servizo Galego de Saúde deberá pagar un canon de  68 millóns á empresa concesionaria durante 20 anos, aos que hai que sumar os custos dos servizos que presta como limpeza, lavandaría, cociña, seguridade, transporte de roupa, mantemento, esterilización, cafetaría, máquinas de vending, servizos de conexión a Televisión, Radio e Internet, xestión enerxética, xardinaría, informática ou xestión de residuos.

Tamén a recollida e entrega de mostras biolóxicas, petición de probas, correo interno, envases hemodinámicos, medicación de farmacia, carros de medicación, material procedente ou con destino a esterilización ou documentos para a súa destrución. Isto elevaría o seu custo final, de acordo coas estimacións da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública, até 1.795 millóns, cantidade que deberá cobrar a concesionaria. Por iso, a plataforma pide a constitución dunha Comisión de Investigación no Parlamento de Galicia.      

Do Xornal Galicia Confidencial (AMEGA)