A maioría das praias de Baiona e Nigrán acadan niveles de excelencia segundo o control do SERGAS.

Imprimir
monteferro-praias-nigran

Esta análise non outorga bandeiras para izar pero os seus informes son os que toma en conta o Estado español e a Unión Europea nas estatísticas e regulamentos oficiais. Nese senso a bisbarra acada boa nota pois sete praias ou augas de baño, segundo a terminoloxía do servizo, reciben  a excelencia, mentres que catro son cualificadas como boas.

Así o determina o informe de Vixilancia Sanitaria das zonas de baño de Galicia emitido para este verán polo Servizo Galego de Saúde. En Nigrán as praias de Patos, Área Fofa, Madorra e Lourido (Praia América), acadan a categoría "Marítima excelente", a mellor nota que outorga a avaliación baseada na normativa estatal e europea. A mesma cualificación obtén A Barbeira e a Dos Frades en Baiona, ao igual que A Ladeira, que tras catro tempadas con cualificacións negativas, dende o pasado ano logra superar os controis.


Sen o nivel de excelencia das anteriores para o SERGAS, tamén son consideradas boas para o baño as praias de Panxón (Nigrán) e Santa Marta, A Ribeira e A Concheira en Baiona.

A vixilancia sanitaria destas zonas de baño foi desenvolta dende a pasada tempada estival mediante inspección e mostraxe periódica por un corpo de farmacéuticos inspectores da saúde pública, segundo o SERGAS. Nestas mostras, analízanse os parámetros microbiolóxicos Escherichia Coli e enterococos intestinais no Laboratorio de Saúde Pública de Galicia.

O informe, que dá publicidade aos valores atopados en cada unha das augas analizadas, non cualifica negativamente ningunhas das zonas de baño miñoranas.