Presentan aos alcaldes do Val Miñor o servizo de hospitalización domiciliaria de POVISA.

Imprimir
povisa

Directivos da Xestión integrada de Vigo e de Povisa presentaron hoxe aos alcaldes de Baiona, Nigrán e Gondomar o servizo de hospitalización domiciliaria que a clínica privada concertada ofrecerá aos pacientes da comarca do Val Miñor a partir do próximo 15 de decembro.

A implantación do servizo farase de forma progresiva e a previsión é que a finais de xaneiro de 2015 estea plenamente operativo e dea cobertura aos máis de 35.000 veciños da comarca, informou o Sergas nun comunicado.

O obxectivo das unidades de hospitalización a domicilio é ofrecer aos pacientes a mesma atención sen a necesidade de acudir ao centro hospitalario.
Polo xeral, estes equipos sanitarios realizan unha media de dúas ou tres visitas semanais para controlar os síntomas, administrar a medicación e tamén para procurar acompañamento psicolóxico aos pacientes, sinala a nota do Sergas.

O equipo encargado de dar cobertura domiciliaria na comarca do Val Miñor, en colaboración cos profesionais dos centros de saúde do área, estará composto por un médico e dúas enfermeiras, que atenderán en horario de 09.00 a 21.00 horas de luns a venres, e de 9.00 a 15.00 horas os sábados.