Deputación: Afirman ter desmontado o anterior sistema “Louzán” de reparto de axudas ás asociacións.

Imprimir
carmela silva

A nova administración provincial da socialista Carmela Silva denunciou esta fin de semana que o antecesor Rafael Louzán (PP) empregaba partidas de axudas para actividades asociativas "para subvencionar indirecta e irregularmente competencias propias dos concellos, fundamentalmente do PP, e outras moitas que nin lle competen á institución provincial nin ós propios concellos, xa que lle corresponden a institucións como a Xunta de Galicia ou a Igrexa".

Asegura que entre outras cuestións, a través do PAC (Plan de Acción Comunitaria), o ex presidente Louzán chegou a repartir recursos da Deputación para reparar "necesidades" como "tellados de igrexas, andas de imaxes relixiosas, adquirir menaxe para cociñas, mercar sinais de tráfico, crear zonas de esparexemento, o incluso procurar a mellora dos biótopos de coellos. Tamén chegáronse a realizar a través do PAC obras municipais (ampliacións de camiños, parques infantís, construcións de aseos e mellores en centros sociais municipais, etc.), a maioría delas sen licenzas e de xeito irregular".

Afirma que a nova administración provincial vai racha "co modelo clientelar e arbitrario" que se aplicaba nas adxudicacións do antigo PAC. Así instrumentará o chamado Plan Concellos que integra os fondos que o ano pasado se destinaron ó PAC "para que sexan os propios municipios os que decidan onde investir os recursos".

O sistema "Louzán" do reparto do PAC segundo a denuncia.

Explica a nova administración que o 20% do reparto do millón de euros do PAC repartíao directamente o ex presidente "por libre disposición, entre outros, a certas agrupacións (que non asociacións) de veciños achegados ó PP ou militantes deste partido, moitas delas cun mínimo de tres veciños, sen CIF e sen estar constituídas como asociación". O 80% restante, a través dunhas bases de pública concorrencia, tiñan como protagonistas ós "conseguidores", concelleiros populares que actuaban nos concellos onde non gobernaban como intermediarios entre a Deputación e as asociacións.

Engaden que os xefes de servizo denunciaron que as resolucións tiñan que facerllas chegar antes ó "conseguidor" que o solicitante.

Advirten que o reparto tiña, polo tanto, un claro criterio político e un sistema de reparto aleatorio e sen control, que en numerosas ocasións tivo que ser freado polos técnicos da Deputación, e que provocou nos últimos anos que moitas asociacións tiveran que acabar por devolver os cartos de estas inversións en tanto non eran capaces de xustificar adecuadamente a mesma.

Por todo elo, o novo goberno da Deputación de Pontevedra decidiu "romper con esta dinámica clientelar do reparto de fondos públicos, para trasladar estes fondos dun millón de euros do antigo PAC ó Plan Concellos, un plan equitativo e equilibrado".

Deste xeito son os propios municipios de menos de 50.000 habitantes (os de máis desta poboación contan con convenios propios), os que teñen agora a disposición económica para realizar as melloras ou o equipamento na rede de centros sociais do municipio, como de feito moitos concellos da provincia xa están a facer. Tamén son os concellos os que poden facer investimentos para mellorar as redes de auga ou de saneamento que son competencia municipal. No caso de que estas redes sexan privadas os concellos deberían solicitar a cesión para poder actuar nelas. Se son privadas nin os concellos, nin as deputacións están habilitadas para actuar nelas.

"Debe de quedar claro que segundo a lei as Deputacións teñen como gran obxectivo garantir os servizos básicos nos concellos de menos de 20.000 habitantes. A lei que rexe as nosas competencias foi aprobada polo PP.Por elo, o que fai esta nova Deputación e cumprir coa lexislación. O PP minte e pretende que se manteña un modelo desequilibrado que o actual goberno rexeita total e absolutamente", sinalan.
En calquera caso, as asociacións poden solicitar apoio da Deputación de Pontevedra "a través dunhas amplas liñas de subvención do servizo de cultura e lingua (actividades culturais do Ano Castelao, dinamización do galego, dinamización lingüística ou Pontegal 2016), do servizo de cohesión social e xuventude (actuacións no ámbito dos servizos sociais, sociosanitarios e da xuventude para entidades sen fins de lucro; proxectos sociais; en Ruta coa Depo 2016; Depo en Marcha 2016; Tecendo Lazos 2016; Depo Termal 2016; Depo Rúarte 2016; Depo Aventura A Lanzada 2016 ou formación en linguas estranxeiras), do servizo de deportes (axudas ó deporte federado e de base 2016; ó deporte federado de ámbito nacional 2016; para actividades deportivas 1 e 2, para actividades deportivas extraordinarias ou a Copa de Fútbol Deputación de Pontevedra), do servizo de emprego (plan de práctica laboral, fomento Asociacionismo, fomento de cooperativas), do servizo de igualdade (fomento da igualdade de oportunidades e loita contra a violencia de xénero dirixida ás entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro) e do servizo de turismo (actividades de carácter turístico), entre outras moitas máis que se poden consultar na web www.depo.es. "