A Unión de Consumidores de Galicia alerta que La Caixa “está facendo mal as contas das hipotecas”.

Imprimir
la-caixa

Denuncian que a entidade bancaria aplica índices de referencia substituídos en 2013.

"Recentemente, facendo revisións dos préstamos e créditos hipotecarios de diversos asociados e asociadas da UCGAL, vimos de detectar que a entidade financeira La Caixa está a utilizar índices de referencia que deixan de publicarse en novembro de 2013", advirte o colectivo de consumidores nun comunicado.
Afirma qeu "Varios casos confirman que algúns créditos e préstamos hipotecarios concedidos por esta entidade nos últimos anos, se basean no uso incorrecto do índice de referencia que se utiliza para esas hipotecas".

Explican que cando en 2013 se eliminaron tres índices estableceuse un réxime transitorio para esta situación, (disposición 15ª da Lei 14/2013, do 27 de setembro), de apoio ós emprendedores e a súa internacionalización que, "nalgúns casos, a entidade non está cumprindo posto que aplica de forma permanente o tipo empregado na última revisión, a pesar de existir unha disposición normativa que obriga a substituílo por outro tipo de referencia (o que na práctica converte nun tipo fixo cando a nosa hipoteca está referenciada a un tipo variable). En principio, isto pode significar que estamos a pagar máis do que deberíamos nos intereses hipotecarios. Nas reclamacións que esta entidade está tramitando estes días vemos como La Caixa segue aplicando e cobrando tipos de xuros superiores ós que debería".
Ante a magnitude do problema, UCGAL recomenda aos clientes que revisen os seus préstamos e créditos hipotecarios "para coñecer o tipo de xuro que lles están a aplicar, nunca está de máis ter a seguridade de que nos están a cobrar o xusto. A UCGAL ponse a disposición das persoas consumidoras de Galicia para tramitar as reclamacións necesarias sempre e cando, a súa entidade financeira empregue (para o cálculo dos xuros) un índice de referencia que xa non existe."