O Goberno pretende reducir o importe das pensións case á metade.

Imprimir
O goberno español non ser corta coas pensións.

A pretensión do goberno de reducir severamente o importe das pensións quedou ao descuberto tras o informe dado a coñecer onte pola comisión de expertos encargado do seu estudo. Segundo publica o xornal "El Huffington Post", as retribucións dos actuais e futuros xubilados podería caer case á metade do seu valor actual, segundo o cálculo que o ex ministro de traballo Valeriano Gómez fixo para a devandita comisión de expertos. Por riba a idade de xubilación se prolongaría por riba dos 67 anos e as actualizacións das pensións en base ao IPC pasarían á historia.

 Unha táboa comparativa do actual sistema de pensións có formulado na nova proposta do goberno, sinala que de xubilarse hoxe unha persoa tras 40 anos cotizando por un soldo de 2.000€ ao mes, percibiría eses 2.000€ por 14 pagas ao ano. Co novo modelo que o goberno plantexa a devandita pensión pasaría ter un valor de 1.100€.

A escusa para sacar adiante esta modificación estaría no aproveitamento da lei de axuste automático das pensións, aprobada polo goberno de Zapatero no 2011 (lei 27/2011). A mesma introduciu o chamado "factor de sostenibilidade" que revaloriza as pensións cada cinco anos tomando en conta a esperanza de vida das persoas.

A reforma está inspirada no sistema alemán e conta co visto e prace de Bruselas. E a súa posta en marcha será unha das razóns polas cales a Comisión Europea mostrouse comprensiva ao ampliar en dous anos o prazo do obxectivo de déficit, segundo especulan desde a oposición.

Outro dos elementos que integra o proxecto de goberno –que segundo expertos casualmente coincide co realizado pola patronal de seguros UNESPA- é a necesidade de acumular 40 anos de cotización. Un requisito que por exemplo, deixaría case fóra da posibilidade do cobrar unha pensión completa a un mozo con 27 anos que non estea incorporado ao mercado laboral a xornada completa. A reforma ademais comprometería gravemente o futuro das persoas que cotizan a xornada parcial. Cumpre recordar que o sistema non recoñece como días laborais as medias xornadas, xa que as computa como horas. Punto que fai especular que coa actual coxuntura económica e falla de oportunidades laborais no mercado as medidas proxectadas afectarán a maioría da poboación.

Por si fora pouco, os que conseguiran eses 40 anos de cotización a xornada completa recibirían ese desconto de case a metade dos seus haberes.

A quen beneficia a reforma do goberno?

Dende diversos sectores da oposición se sinala que a baixada das pensións públicas favorecería o mercado dos fondos de pensións privados. Por iso sinalan insistentemente a similitude das conclusións e propostas do documento elaborado pola administración Rajoy co realizado pola patronal dos seguros.