Colabora coa homenaxe aos asasinados na Volta dos Nove

Imprimir
Axuda - Donativo
  • Anterior
  • 1 of 2
  • Seguinte

15 de outubro de 1936. En represalia pola morte dun falanxista, sacan do cárcere de Vigo a nove prisioneiros que son executados na estrada que leva de Baiona á Guarda. Dende entón, en cada aniversario do acontecido e mesmo baixo a máis estricta vixilancia e represión, nove cruces apareceron misteriosamente debuxadas na area no exacto lugar da execución, máis coñecido como “a volta dos 9”.

Na memoria do acontecido, e na memoria de todos os mortos pola liberdade, inaugúrase o próximo día 15 de outubro un pequeno bosque-escultura do artista Fernando Casás: 45 loureiros (a árbore dos heroes) circundan no estreito espazo da “volta dos 9” unha árbore tronzada, como degolada, fundida en bronce, memoria das nove voces caladas naquela data, representación de todas as voces caladas pola represión.

Ao pensar en facer unha escultura e cartel sobre o evento, buscouse un artista cuxa obra se baseara no principio de que non hai estética sen ética e, en segundo lugar, que a obra tivese unha connotación constante co ciclo da vida. Ese artista non podía ser outro que Fernando Casás. Profesor de Escultura e de Arte e Ambiente Natural na Universidade de Vigo, vive entre a Galiza e o Brasil. Considerado pola crítica especializada coma un dos precursores dos movementos de Arte e Natureza, vén dende mediados dos anos sesenta desenvolvendo na e coa natureza unha obra de perfil marcadamente conceptual, xeralmente de carácter efémero, que busca evidenciar a vida paralela, os aspectos ocultos e non asumidos pola mirada civilizada.

A comisión encargada deste traballo necesita a vosa colaboración para a distribución de carteis, venda de Bonos-axuda, 1.000 a 10 euros, enviar  invitacións etc. 

Para traballar neste fin imos empregar un local lobrego na rúa Palos de la  Frontera, ao lado da ferretería Electrogayfer. Alí estaremos a partir do venres 30 de setembro sobre as 20 h. ata as 21.30. Ata o día 15 de outubro manteremos este horario.
Ata os 20.000 euros necesarios podense ingresar as axudas 

INGRESO na conta de Caixanova  2080 0528  66 0000005960
TARXETA ou conta PAYPAL se queres facer o donativo por internet na dirección 
https://www.paypal.es/affil/pal= Este enderezo de correo-e está a ser protexido de robots spamers, precisas activar o JavaScript para velo



Baredo, 15 de outubro, 1936

Nos últimos anos diversas achegas historiográficas teñen posto de manifesto a dureza dos anos da guerra no noso país. Desmontaron estes traballos a falaz visión de que en Galicia non houbera guerra por quedar dende moi cedo baixo control dos militares sublevados. Se ben é certo que en Galicia non houbo frontes no senso militar si houbo unha sanguenta guerra na que se procedeu á eliminación sistemática dos dirixentes e membros dos partidos democráticos.

Entre nós, no Val Miñor, ten realizado este labor de investigación o compañeiro do Instituto de Estudos Miñoranos, Xoán González Pérez quen publicou en 1998 o seu traballo Nigrán. Memoria dunha guerra 1936-1939 que aínda circunscrito ao concello de Nigrán deita información diversa sobre os outros dous concellos miñoranos: Gondomar e Baiona.

Un dos episodios máis sanguentos desta guerra de exterminio foi o que aconteceu na amañecida do 16 de outubro de 1936 na coñecida como Ensenada da Bombardeira, no quilometro 58 da estrada Pontevedra - Camposancos, e dende o tráxico suceso coñecida popularmente como A Volta dos Nove.

O terror no Val Miñor foi enorme, os asasinatos moitos e a historia da represión nos anos da guerra está por contar. Nalgúns casos é ben coñecida, mesmo está redactada pero sen publicar, polos hipotéticos enfados que provocaría nalgunhas familias ou sectores políticos. Van alá case setenta anos dos feitos, deles vintecinco de democracia, e aínda non se pode falar con tranquilidade e distancia duns feitos terribles contra dos que só nos podemos vacinar se se poñen sobre a mesa, non para reclamar nada senón para curar as feridas dunha vez e sobre todo para que non volvan a producirse. Non se trata de falar dos nove para molestar a ninguén senón simplemente de devolverlle a dignidade á nove persoas, vexadas, humilladas e asasinadas impunemente.

Vinganza era o que buscaban os asasinos naquela triste madrugada. O desencadeante do asasinato foi a persecución de dous dirixentes da sociedade labrega de Sabarís: Luís López Luís e José López Luís. Irmáns, fillos de Inés Luís Mosquera e de Luís López Martínez. Pola nai eran coñecidos cono Os de Inés ou Os Ineses. Tiñan unha pequena explotación agraria preto da presa de Baíña, mesmo fronte aos espléndidos petroglifos de Outeiro dos Lameiros. Os dous irmáns, Luís de 46 anos e José de 41, estiveran en América e regresaran con ideas progresistas e ecoloxistas. Eran vexetarianos e un deles impartía clase de esperanto aos labregos. O maior de ideoloxía socialista, o máis novo, anarquista. Ao trunfar o golpe militar agocháronse en varios lugares ata que decidiron esconderse na casa dun señor maior e cego, Ventura Pérez, coidado por Dolores Samuelle Álvarez, coñecida como Perfecta. As pescudas dos falanxistas, inspiradas polo tristemente celebre Cabo Pena, comandante do posto da garda Civil de Baiona, tiveron éxito e as sospeitas de que alí estaban os Ineses fóronse confirmando porque Perfecta levaba moito pan e o periódico que non podía ser para o cego nin para ela que non sabía ler.

O cabo Pena e o falanxista Refojo entraron na casa e toparon aos dous irmáns. Un deles disparou e feriu ao Refojo, morreu dous días despois. A Pepe matárono nunha viña preto da casa e a Luís contra a tapia do camposanto de Sabarís. Os falanxistas mataron tamén á señora Perfecta, de 71 anos, e para humillala enterrárona entre os dous irmáns nunha foxa á beira do cemiterio.

A morte de Refojo desencadeou as ansias de vinganza de Sebastián Pena e os seus matachíns. Desprazáronse a Vigo, primeiro á cadea, alí non lle deixaron coller a ninguén, logo foron ao frontón que servía tamén de cadea. Meteron nove homes nunha camioneta e dirixironse cara a Baiona. Era na noite do 15 de outubro, sobre a unha da madrugada.

Os nove homes eran:
Manuel Aballe Domínguez, mariñeiro de Panxón, de 41 anos. Fillo de Modesto Aballe Macaya e de Benita Domínguez Salgueiro. Casado con Antonia Rial Veiro, deixou dous fillos menores: Eugenio e Víctor.
Felicisimo Antonio Pérez Pérez, mariñeiro de Panxón, 44 anos. Fillo de Antonio Pérez Domínguez e de Rosa Pérez. Casado, sen fillos.
Elías Alejandro Gonda Alonso “O Ghonda”, labrador, de 36 anos, veciño de Santa Cristina da Ramallosa. Fillo de Ascensión Gonda Alonso. Casado cunha moza de Sabarís, Angelina Veiga Ríos, deixou tres fillos menores: Isabel, Carmen e Manuel.
Manuel Francisco Lijó Pérez “O Lijó” de 34 anos, natural de Corrubedo (Ribeira) aínda que vivía e traballaba como mariñeiro no barrio do Burgo (Baíña). Fillo de Francisco Lijó Oliveira e de Ramona Pérez Gonda, estaba casado con Eugenia Mijón Durán, veciña de Baiona. Deixaría orfos a cinco fillos menores de idade: Mercedes, Manuela, Maximino, Oto e máis Eva.
Modesto Fernández Rodríguez “O Rei Chiquito”, 47 anos, mariñeiro, veciño de Panxón, fillo de José Fernández e Dolores Rodríguez. Traballaba como mariñeiro. Do seu matrimonio con Rosalía Rodríguez Iglesias deixaría seis fillos menores: Gloria, Lidia, Juan, Enriqueta, Jaime e Álvaro.
Fidel Leyenda Rodríguez, de 51 anos, mariñeiro de Baiona. Fillo de Eulogio Leyenda Álvarez e de Vicenta Rodríguez Míguez. Casado con Sofía Vieites Penedo, de Baíña, non deixaba fillos.
José Rodríguez González, “O Pelonio”. Fillo de Rufina Rodríguez González. Veciño da Porta da Vila en Baiona. Tiña 45 anos Este mariñeiro deixaría viúva a Clementina Freire Mosquera, de 43 anos, e orfos a Rogelio, Manuel, José, Melitón e África.
Manuel Barbosa Durán, “O Ferreiro do Burgo”. O máis novo dos asasinados na “Curva dos Nove”, tan só contaba con 30 anos de idade. Mecánico, natural de Baíña, foi vivir a Panxón tras o seu matrimonio con Julia Sanjuan García. Deixaría seis fillos orfos. Os seus pais Alfredo Barbosa e Isabel Durán Álvarez.
Generoso Valverde Iglesias, fillo de Fermín e Constantina. Tamén traballaba como mariñeiro e contaba, cando segaron a súa vida, 37 anos de idade. Natural e veciño de Panxón, casado con Aurelia Rodríguez Cabral, deixou seis fillos, todos eles menores: Generoso, José, Germán, Vicente, Elodia e Constante.

Baixaron un a un da camioneta. Era de noite, case as tres da madrugada. Escoitábase o bater do mar e os berros amedrentadores dos falanxistas e do Cabo Pena: “todos abajo”. Un a un fóronos matando. Os mariñeiros que regresaban a porto foron os primeiros en dar a noticia.

Os falanxistas guindaron os cadáveres na camioneta e leváronos ao cemiterio de Baiona. Nunha foxa común, uns enriba dos outros, foron soterrados. A vinganza estaba cumprida. Segundo se pode ler no libro de defuncións do Xulgado de Baiona a causa das nove mortes foi: “por hemorragia cerebral o torácica”.

Nada máis se soubo. Máis o triste episodio quedou na memoria das xentes da comarca durante moitos anos. O acontecemento seguiu vivo ata os últimos anos cincuenta ou primeiros sesenta. Durante todos eses anos aparecerían nove cruces gravadas na terra, na curva onde caeron os corpos sen vida. Un longo trazo horizontal era rapidamente riscado por nove verticais. Os falanxistas a borralas e as cruces a aparecer, nas horas seguintes ou poucos días despois. Que se saiba non houbo detidos pero o enfado das novas autoridades era moito. Cada día, mes, ano... o risco era máis fondo. O poeta Miguel Anxo Mouriño deu forma literaria a esta acción colectiva da que el tamén participou:

Disque renaceron día a día,
nove cruces de area, prohibidas,
en memoria de nove fusilamentos.
Camariña (1990)