Nace un novo espacio na rede para a historia e o patrimonio de Galicia

Imprimir
hdg captura

Nace historiadegalicia.gal unha web sobre o patrimonio e a historia do país que recopila información e novas sobre todas as actividades que teñen que ver con arqueoloxía, historia, xeografía, desfeitas patrimoniais, lendas e mitos ou investigacións históricas.

Un dos principais obxectivos desta publicación online, á que tamén se pode acceder desde o dominio www.historiadegalicia.com, é contar todo o que ten que ver coa historia e o patrimonio de Galicia ou da antiga Gallaecia, sen deixar de prestar atención a outros feitos que sexan importantes para entender o noso pasado. Tamén prestará atención ao traballo de especialistas galegos que traballen en proxectos históricos en Galicia e fóra dela.

Por iso, a priori, non se pecha a ningunha temática que teña que ver con este obxectivo. Abordará todo o que ten que ver co megalitismo, petróglifos, a prehistoria, a cultura castrexa, romana, medieval, moderna, contemporánea e actual de Galicia e tamén prestará atención á antropoloxía, etnoloxía, xeografía, lendas, tradicións e a Galicia máxica, así como, das informacións que xeren as distintas institucións, fundacións, museos ou asociacións sobre historia e patrimonio. Ademais, recollerá exposicións e libros de temática histórica e, prestará especial atención á Memoria Histórica e ás desfeitas patrimoniais.

De feito, unha das súas finalidade é chamar a atención sobre os atentados que sofren os nosos bens patrimoniais e concienciar ás administracións e á sociedade galega da necesidade de mimar o que os nosos devanceiros nos legaron e que constitúe unha parte esencial para entender a nosa cultura e a nosa forma de ser como pobo.

Entrevista co conselleiro de Cultura

HdG inicia a súa andaina cunha entrevista ao conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, na que analiza a nova lei de Patrimonio Cultural, así como os principais problemas da arqueoloxía e do patrimonio. Rodríguez recoñece a dificultade de protexer moitos bens do país e aposta por impulsar a concienciación social para poñelos en valor.

HdG conta coa colaboración dun grupo de profesionais e divulgadores do noso patrimonio que levan moitos anos cun traballo metódico e, ás veces, non recoñecido, pero efectivo, a prol da conservación dos nosos bens. O soporte técnico e de deseño corre a cargo da empresa miñorán k12 Comunicación.

Este portal está aberto a todos aqueles que queira aportar o seu gran para facer da Historia e do Patrimonio de Galicia un ben a conservar para deixar en herdanza as nosas xeracións futuras. Calquera persoa ou asociación que queiran colaborar só ten que enviar un correo a Este enderezo de correo-e está a ser protexido de robots spamers, precisas activar o JavaScript para velo .