A Universidade obsequiará cunha tableta aos 45 mellores estudantes matriculados no novo curso.

Imprimir
premiosexcelencia

A Universidade de Vigo vai acoller dun xeito especial ao alumnado cunha traxectoria curricular de excelencia nos estudos previos de ensino secundario.  Os 45 alumnos e alumnas co mellor currículo que se matriculen no curso 2015-2016 nalgún dos tres campus recibirán como premio unha tableta PC, “que a institución entende como unha ferramenta de grande utilidade para as tarefas académicas que o estudantado universitario desenvolverá ao longo desta etapa académica”. As solicitudes poderán presentarse ata o vindeiro 23 de outubro.

Os Premios á excelencia académica recoñecen as mellores aptitudes do estudantado de novo ingreso tendo en conta tanto aos premiados na convocatoria dos premios extraordinarios da Xunta de Galia como os mellores expedientes académicos de bacharelato e FP ou os éxitos nas olimpíadas científicas.

Deste xeito, das 45 axudas, 20 concederanse aos premios extraordinarios de Bacharelato da Xunta de Galicia durante o curso 2014-2015. Outras cinco serán para os alumnos e alumnas que se clasifiquen nos tres primeiros postos da olimpíadas científicas celebradas durante o pasado curso tanto nas fases autonómica e nacional como internacional, prevalecendo este último nivel na selección, así como o mellor posto obtido na clasificación.

 Quince dos premios serán para os estudantes que acrediten un expediente igual ou superior a 8,5 puntos no bacharelato e, por último, cinco dos premios irán destinados ao alumnado cun expediente igual ou superior a 9 puntos nos ciclos superiores de formación profesional. En todo caso, de non solicitarse todas as axudas previstas nalgúns dos colectivos, estas serán redistribuidas nos outros colectiivos de xeito proporcional ao número de axudas.

O orzamento da axudas é de 22.000 euros, pero a Comisión de Extensión Universitaria e Estudantes pode decidir non conceder todas as axudas no caso de que non se cumpran os requisitos mínimos. A resolución será publicada na web da Universidade así como nos taboleiros do Rexistro Xeral e dos Rexistros Auxiliares. Os galardoados recollerán a tableta nun acto institucional, organizado pola Vicerreitoría de Estudantes, no que ademáis deste agasallo, recibirán un recoñecemento público ante a comunidade universitaria e as súas familias.

O curso pasado houbo unha maioría de mulleres excelentes

Dos 45 premiados o curso pasado, 28 alumnas recibiron este premio fronte a 17 alumnos. De todos eles, 28 recibiron o premio por ter unha media igual ou superior a 8,5 no bacharelato; 14 por ter unha media igual ou superior a 9 en FP; dous por teren recibido os Premios Extraordinarios convocados pola Xunta de Galicia e un como gañador das olimpíadas científicas. Como na anterior edición, as titulacións de enxeñaría foron as preferidas polo alumnado premiado para matricularse, seguidas doutras como Linguas Estranxeiras, Fisioterapia, Bioloxía ou diferentes titulacións das Ciencias da Educación.

Acompañados polo seus orgullosos familiares e mesmo algún profesor de secundaria, todos eles apuntaron que a constancia, a motivación e a capacidade de organización están detrás destas traxectorias prometedoras que este curso comezan a agromar nas aulas da Universidade de Vigo.