Tertulias do IEM con Manuel Gallego Jorreto

Imprimir

Continua a desenvolverse o ciclo de TERTULIAS DO IEM: O autor e a súa obra deste curso 2004-05. A cuarta das tertulias terá lugar o próximo venres 14 de xaneiro de 2005, ás 20:30 h. no PAZO DA ESCOLA de Mañufe, Gondomar.

Nesa data estará entre nós o arquitecto, urbanista e profesor da Escola Técnica Superior de Arquitectura d´A Coruña, Manuel Gallego Jorreto  que será presentado polo arquitecto técnico e membro da Xunta de Goberno do Instituto de Estudos Miñoranos, Alfonso Soliño Troncoso.

Manuel Gallego Jorreto  naceu n´O Carballiño (1936). Estudou Arquitectura na Escola Técnica Superior de Arquitectura en Madrid e grazas a unha bolsa marcha a Noruega a traballar xunto a Erlin Viksjo.

 

No ano 1968, establecido xa na Coruña, obtén o doutoramento en Arquitectura e continúa perfeccionándose en París. Dende hai máis de vinte anos é profesor titular de Urbanística na Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña.

O Museo de Belas Artes da Coruña, é a obra pola que recibiu o Premio Nacional de Arquitectura Española, ademais de ser galardoada na IV Bienal nacional. � parte destes, ten recibido o premio da crítica de Galicia, a Medalla Castelao, outorgada pola Xunta de Galicia, o Premio Dragados y Construcciones de Arquitectura Española, o primeiro premio Edificios de Nova Planta e o Premio Galicia de Arquitectura, entre outros.

Entre algunhas das súas obras podemos indicar o  Museo de Belas Artes da Coruña, Casa da Cultura de Valdoviño, Museo de Arte Sacra da Colexiata coruñesa, Casa da Cultura en Chantada, rehabilitación do teatro Rosalía de Castro na Coruña, Centro de Saúde de Viveiro, os Institutos de Investigación no campus sur da Universidade de Santiago de Compostela, residencia particular do Presidente da Xunta de Galicia, Casa do Concello da Illa de Arousa e a Facultade de Ciencias Sociais do Campus da Coruña, entre outras.

 

Como sempre ao remate da conferencia-coloquio, aberta ao público, celebrarase unha CEA cos conferenciantes, no mesmo Pazo da Escola, previa reserva que se poderá facer no 629 890 320.

Val Miñor 10 de xaneiro de 2005