Centos de narices de pallaso homenaxearon a Vidal Bolaño no Val Miñor.

Imprimir
eladio garcia sotelo

 

-Unha vida dramática, o espectáculo teatral deseñado por Miguel Anxo Mouriño foi estreado nun abarrotado Auditorio Lois Tobío, na celebración do Día das Letras Galegas.

-Centos de narices vermellos simbolizaron a homenaxe do público ao gran dramaturgo que foi lembrado ao longo da obra e con pasaxes audiovisuais da súa pegada no cine e a televisión.

As localidades foron poucas para tantos narices. O público que en poucos minutos deixou pequenas as instalacións do Auditorio Lois Tobío de Gondomar, viviu unha verdadeira festa das táboas coa interpretación de Unha vida dramática, a obra guionada e deseñada polo mestre e escritor Miguel Anxo Mouriño, que unha vez máis foi o encargado de artellar a celebración central do Día das Letras Galegas. O enxeño de Mouriño non só obsequiou ao público coa obra, tamén achegou a cada asistente o mítico nariz de pallaso de Vidal Bolaño, que a xente luciu con humor e ledicia.

O acto estivo integrado na súa totalidade por persoas vinculadas ao mundo do teatro. Os protagonistas do programa foron os diversos grupos que operan no Val Miñor (Vichelocrego, Bertorella, Tranghallada, Non si? Teatro e Escola de Teatro da OMIX) que aceptaron o reto de desenvolver integramente esta actividade dramática organizada polo IEM coa colaboración do Concello de Gondomar, especialmente do seu concelleiro de Cultura, Igancio Troncoso. A presentación do espectáculo correu a cargo de Lola Correa, directora da Escola de Teatro da OMIX de Gondomar.