Este martes o Club de lectura Sete Vidas adéntrase nunha viaxe literaria polo continente africano.

Imprimir
Andre Kaminski

 

O martes 7 de maio, ás 20:00h, o club de lectura Sete Vidas, de Espazo Lectura, reunirase de novo na Biblioteca de Gondomar para falar da lectura recomendada para este mes. Trátase da obra Os xardíns de Mulai Abdalá, do escritor e reporteiro suízo, André Kaminski , editada pola editorial Rinoceronte. A versión orixinal en alemán foi levada ao galego pola tradutora Ana María Abeleira Liste, residente na Suíza.

Sinopse da novela

Ó longo das nove vivencias deste libro, André Kaminski móstranos que a realidade é moito máis vasta do que aparenta ser. O eivado que rexenta un bordel perdido no deserto quizais sexa un heroe de guerra, un mecánico de motores orixinario da Alsacia desvélase como o rexente de gran parte da África Ecuatorial, e un servente que aparenta ser un espía convértese no mellor aliado nas situacións límite.

André Kaminski escribe e describe todo o que presenza coa mirada obxectiva dun reporteiro; só así é posible mirar detrás da máscara africana e descubrir a verdadeira esencia deste misterioso continente.

O autor

O escritor e pensador de orixe xudía André Kaminski (Xenebra, 1923) doutorouse en Filosofía, foi guionista de televisión, autor de pezas de teatro e reporteiro. Ademais de ser un estudoso da historia da igrexa, escribiu as novelas Kith e Kin, O ano que vén en Xerusalén e Kiebitz, onde narra a fin da utopía socialista. Pasou varios anos en África Ecuatorial e África do Norte, primeiro como reporteiro e logo dirixindo películas. Esta experiencia foi o xerme dos relatos contidos en Os xardíns de Mulai Abdalá. Morreu en Zürich no ano 1991.