Documentos antigos de Baiona proban que o “ñ” e “ll” foron utilizados dende a Idade Media na escritura galega.

Imprimir
Escrituras inmobiliarias dos séculos XIII e XIV de Baiona.

-Unha pescuda documental do especialista Xulián Maure Rivas proba que as letras "ñ" e "ll"  son patrimonio da grafía galega desde a Idade Media.

Estas noites de choiva e tormentas primaverais non só valen para queimar o módem ou deixarnos agochados baixo a hipnose da "caixa boba". Préstanse de moi bo feito para acoller conversas nas que afondar en materias ou eidos que necesitan para a súa comprensión e goce dun tempo e clima que conviden a un faladoiro amodo. Hoxe choveu, a tormenta queimou o módem máis nese intre apareceu Xulián Maure Rivas...

Sacou do seu peto un lapis de memoria (ou chaveiro USB, como queiran chamar), e descargamos no ordenador unha copia do traballo da súa autoría titulado "Escrituras de vendas inmobiliarias en Baiona nos séculos XIII e XIV", e co subtítulo "Documentación galega das letras "ñ" e "ll ". O mesmo fora publicado orixinalmente na Revista do IEM do ano 2009, e acababa de ser colgada en versión dixital na web do Instituto de Estudos Miñoranos. A pescuda de Maure nos coloca no centro dunha polémica aínda vixente e con pulo: a galeguidade das letras "ñ"  e "ll"  , por demais discutida en distintos foros e artigos.

Para non demorar ao lector interesado no acceso directo á documentación, só diremos citando a Maure que estamos "diante das escrituras de vendas inmobiliarias máis antigas que se conservan de Baiona de Miñor. Estes documentos conteñen unha proba de que as letras "ñ" e "ll" xa se usaban en Galicia antes de que o rei de Portugal D. Denis (1279-1325) dese un pulo definitivo á oficialización do portugués, consagrando o uso dos dígrafos "nh" e "lh" e que o seu antecesor Afonso III (1248-1279), chamado o Bolonhês, importara do sistema gráfico provenzal para a chancelaría de Lisboa".

Feito, que demostra, segundo explica Maure, que as formas "ñ" e "ll" non son "unha manifestación máis da represión lingüística padecida en Galicia" trala chegada dos Reis Católicos, polo contrario a utilización destas grafías "naceu hai máis de setecentos anos nesta nosa terra".

Preme aquí para descargar ou ver o documento