Rexina Vega presenta esta tarde en Gondomar a súa obra «Cardume», premio Xeráis

Imprimir

A librería Libraida de Gondomar acollerá ás oito e media da tarde de hoxe a presentación por parte da escritora Rexina Vega da súa obra Cardume , premio Xerais de Novela 2007. O acto está organizado polo Instituto de Estudos Miñoranos e a Librería Libraida e Xosé Lois Vilar será o encargado de levar a cabo a presentación. A entrada para asistir é libre.

En Cardume relátasenos, a través dun fío persoal e familiar, a historia dos sobreviventes a un tempo confuso, enfermo e doloroso; a ese tempo aberto pola eclipse da República e dos seus ideais. A novela caracteriza un período moi longo que retrata boa parte do século XX a través de varias xeracións, sorprendéndonos coa fascinante recreación de atmosferas sociais, familiares, plíticas, industriais, culturais, e a recreación dos retratos da emigración daquela época convulsa que deixou unha pegada imborrable nas persoas que a viviron.

Ambientada nun Vigo industrial e atlántico, Cardume é un crisol de personaxes que evolucionan e logran subsistir as miserias dunha cidade desacougante. Cunha gran capacidade expresiva e unha lingua poética e metafórica que evidencia unha clara vontade estilística, Rexina Vega reivindica nesta novela a memoria como conformación da identidade do presente.