Castelao en Vincios

Imprimir
Ampliar imaxe
Por Carlos Méixome -  A Luísa e Gumersindo Pazos.
Coas múltiples e diversas posibilidades de comunicación actuais e máis de tres décadas de campañas electorais, demos en considerar os mitins políticos como parte dunha rutina e estes mudaron da orixinaria vontade de convencer a unha, ás veces banal, “mise en scéne” aburrida e previsible: agora aplaudir, agora collerse das mans, agora tirar confeti, despois soltar os globos...

Non sempre foi así. Nos tempos da esperanza republicana un mitin ou unha manifestación era un acontecemento extraordinario que supoñía un enorme esforzo tanto para os organizadores como para o público asistente. Eran actos que perduraban na memoria. Así aconteceu coa manifestación do primeiro de maio de 1936 que partiu de Sabarís e rematou ante a casa do concello de Baiona, ou do mitin a favor do Estatuto de Autonomía, xuño do mesmo ano, que se celebrou no Largo das Angustias de Nigrán e no que tomaron a palabra os irmáns Villafines, os irmáns López Luís e o mestre Vázquez Grela. Os tres últimos asasinados sen parodia xudicial e os dous primeiros condenados a 30 anos tras librar da pena de morte.

Na memoria de Luísa Pazos consérvase vivo outro mitin. Segundo asegura foi polo día da República, polo 14 de abril, non lembra ben o ano, quizais 1932, cando tiña oito anos. Dende o balcón da casa paterna, no que está ela na compaña da súa futura cuñada e outras mozas nesta foto dos primeiros anos cincuenta, falaron aquel día o mestre de Vincios Benedicto Crespo, o durante tantos anos mestre de Morgadáns e membro da Real Academia Galega Victoriano Taibo, Valentín Paz Andrade e Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Quen recibía na súa casa a visitantes tan ilustres para que lles falasen ás xentes da contorna era Domingo Pazos Alonso, na altura concelleiro de Gondomar polo distrito de Vincios adherido ao Partido Radical de Emiliano Iglesias.

Na verdade poucos coñecían a Domingo Pazos Alonso polo seu nome. En Vincios todos lle dicían Paulino Pazos. A súa mesma nora, a muller de Gumersindo, conta que soubo que se chamaba Domingo despois de casada. Fora elixido concelleiro o 31 de maio de 1931, logo da impugnación das eleccións de abril nas que tamén fora elixido, dunha corporación presidida, durante algún tempo, por Pablo Nieto Virosta, padriño dun dos fillos de Paulino, tamén radical e con posterioridade Gobernador Civil de Jaén durante a República.

No baixo da casa tiña Paulino unha taberna-tenda das propias da época que prometía unha vida de traballo, pero tamén de benestar para os seis fillos do matrimonio. Era Paulino home culto que gustaba da conversa demorada dos mércores con Victoriano Taibo, quen se achegaba ata Vincios dando un paseo, ou co mestre de Donas José Cribeiro, e temos a impresión de que a pesar da súa formal afiliación ao PR as súas ideas camiñaron cara ao galeguismo de matriz agrarista.

E despois chegou o desastre. O levantamento militar-fascista rematou coas ilusións, co benestar e coa cultura. Paulino tivo que agocharse logo de que o viñesen buscar para que se presentase no cuartel “dos de Asalto” de Castrelos e de que lle axudara a saír do mesmo a presenza do fillo falanxista dun comerciante maiorista vigués e facerlle caso ao cabo dos de Asalto que lle aconsellou que desaparecese unha temporada. Foron meses de angustia, de durmir no monte, da roupa a secar como sinal para poder achegarse á casa, de longas noites cos falanxistas de Valadares a pasear por diante da casa, de tiros na madrugada, de mortos na estrada, de choros e laios. Ata que unha tarde, nunha camioneta, achegáronse os falanxistas de Gondomar decididos a topalo. Seica foi o xefe da Falanxe de Vincios quen os obrigou a recuar.

Con 41 anos Paulino recorreu aos seus irmáns emigrantes en Bos Aires, pasou a Portugal e embarcou en Lisboa cara á capital arxentina. Regresou do exilio nove anos despois. En Vincios quedou a súa muller con seis fillos. Tiveron que alugar a casa ao sobriño do cura e foron vivir a un casopo preto do monte. Os nenos a axudar no campo ou como canteiros no monte. Sobreviviron. Na década dos cincuenta colleron o camiño de América.Uns regresaron anos máis tarde, como no caso de Luísa e Gumersindo, que teñen os seus fogares na finca onde estaba a casa desde a que falou Castelao, outros residen en Montevideo. Todos os fillos de Paulino Pazos “o comunista” portan a súa memoria con orgullo. 

Carlos Méixome
Publicado na Peneira