O primeiro museo do Val Miñor nace en Sabarís por iniciativa cidadá

Imprimir
  • Anterior
  • 1 of 4
  • Seguinte
POSTA EN VALOR DO CONXUNTO ARQUEOLÓXICO DE OUTEIRO DOS LAMEIROS UNHA INICIATIVA DA COMUNIDADE DE MONTES DE SANTA CRISTINA DA RAMALLOSA

Dende o momento no que a Comunidade de Montes en Man Común de Santa Cristina da Ramallosa tivo coñecemento da existencia de petroglifos no monte veciñal e da importancia do conxunto procurou sempre a súa protección.

Primeiro procedeu, na década dos noventa, a cercar a zona e a mantela con vexetación controlada, eliminando o eucalipto e sinalando o conxunto de inscricións. Foi aquela unha intervención moi rudimentaria, un valado perimetral e paneis informativos, mais que pretendía poñer en evidencia o interese da Comunidade de Montes en protexer un patrimonio de grande valor cultural.
Os veciños e veciñas comuneiros da parroquia en asemblea xeral celebrada o 23 de marzo de 2003 acordaron solicitar do programa europeo PRODER Vigo II unha axuda para poñer en valor o conxunto arqueolóxico de Outeiro dos Lameiros. Esta axuda foi aprobada o 31 de agosto de 2006.

O orzamento total desta intervención de posta en valor do conxunto rupestre ascende a 141.072,47 euros. Deste orzamento total a axuda concedida ao proxecto con cargo ao programa europeo PRODER Vigo II é de 115.242,09 euros, achegando ao mesmo a Comunidade de Montes os 25.828,38 euros restantes.

Dende o pasado decembro a Comunidade de Montes de Santa Cristina da Ramallosa ven traballando neste proxecto realizando traballos de limpeza e silvoculturais, preparando a documentación necesaria así como o rexistro e limpeza do conxunto.

A posta en valor do patrimonio cultural que se atopan nos montes veciñais deben procurar a súa protección e conservación xa que son un recurso máis do monte veciñal. É esta a liña de actuación que persigue a Comunidade de Montes en Man Común de Santa Cristina da Ramallosa.

Mais a protección e conservación ten que ser compatible coa difusión destes valores patrimoniais entre o común da xente, facéndoos visíbeis e que as visitas aos conxuntos patrimoniais sexan gratificantes, lúdicas e didácticas. Só a rendibilidade social destas intervencións pode lograr que as Comunidades de Montes dediquen parte dos seus orzamentos anuais á posta en valor do patrimonio e o que aínda é máis importante ao mantemento destas intervencións.

Consideramos que só o compromiso das comunidades de montes en man común, e xa que logo dos veciños e veciñas comuneiros, na posta en valor dos restos patrimoniais pode asegurar a protección e conservación dos conxuntos patrimoniais e, ao tempo, que as inversións que neles se realicen teñan un mantemento continuo e permanente.

Con estas orientacións, e coa maior das ilusións, é coas que a Comunidade de Montes e Man Común da parroquia de Santa Cristina da Ramallosa tomou a iniciativa que agora comeza a facerse realidade. 




PROXECTO ARQUEOLÓXICO “O OUTEIRO DOS LAMEIROS”
(SANTA CRISTINA DA RAMALLOSA - O VAL MIÑOR)


Esta estación de arte rupestre foi descuberta en febreiro de 1984 aumentando así exponencialmente o número de superficies gravadas coñecidas no concello de Baiona.

O conxunto de máis de 20 superficies comprende arte abstracta (circos concéntricos, coviñas, reticulados...) e arte naturalista en tres rochas con zoomorfos esquemáticos ademais de alfabetiformes.


Unha parede vertical do propio Outeiro dos Lameiros con 10x3m contén o mellor conxunto de arte esquemática do noroeste peninsular cuns 60 cuadrúpedes, un estreliforme e figuras abstractas.

Estamos na maior concentración de figuras reticuladas do noso país.

No lugar consérvanse os camiños tradicionais, empedrados nalgúns casos, que comunican Baíña, San Cosme, Sabarís e Belesar dos que quedan fondas pegadas nas rodeiras que incluso pasan por riba de varios petroglifos.

O Outeiro dos Lameiros e Os Campos están emprazados a carón da Tomada dos Ineses, propiedade de 2Ha cunha fortísima carga histórica relacionada co golpe militar do 36.

Atopámonos dediante dun espazo fortemente culturizado onde coinciden:
• a arte rupestre de varias épocas e tipoloxías

• a Tomada dos Ineses relacionada co episodio da Volta dos Novecruce de camiños tradicionais
monte aproveitado como pasto, canteira, provedor de estrume e como recurso forestal 
variedade de topónimos que evidencian o uso continuado deste lugar a 180 metros sobre o nivel do mar: O Outeiro dos Lameiros, A Costa de San Lourenzo, As Tomadas dos Lameiros, Os Lameiros, Os Campos, A Regueira de Retruca, O Outeiro do Ceboleiro, A Tomada dos Ineses / A Devesa do Rei / A Fonte Armada / A Bouza da Serra.

Os pasos do PROXECTO ARQUEOLÓXICO “O OUTEIRO DOS LAMEIROS” comezan con:
1º.- Estudo da arte rupestre da zona, con prospección sistemática na procura de novas rochas con gravados levada a cabo por arqueólogos.

2º.- Diagnose do estudo das superficies e a cantidade e grao das alteracións (liques, brión, depósitos, termoclastos, escorrentías...) feito por restauradoras.

3º:-Traballo de limpeza e restauración das laxes graníticas

4º.- Rexistro escrito e gráfico de todos os gravados así como a súa catalogación no Servizo de Arqueoloxía da Xunta de Galicia.

5º.- MUSEALIZACIÓN do espazo no que se emprazan as rochas con gravados. Isto supón a creación dun punto de información no lugar, a creación de sendeiros que comuniquen as distintas superficies debidamente sinalizados con cartaces explicativos sobre o contido dos distintos petroglifos e os coidados a observar polo visitante.

Presentáronse hoxe os traballos de posta en valor deste conxunto de petroglifos de Outeiro dos Lameiros, Santa Cristina da Ramallosa (Baiona). 

O proxecto está dentro do PRODER Vigo II solicitado pola Comunidade de Montes en Man Común de Santa Cristina da Ramallosa que ten que achegar unha parte do orzamento.
É a primeira vez que unha comunidade de montes inviste e xestiona directamente recursos para poñer en valor un ben do patrimonio cultural arqueolóxico. Trátase tamén de que esta iniciativa sexa seguida por outras comunidades de montes e valorada positivamente pola sociedade en xeral.
Na presentación estiveron presentes: 

Edelmiro López Iglesias, Director Xeral de Desenvolvemento Rural da Consellería de Medio Rural 
Xosé Alfredo Pereira Martínez, presidente da Comunidade de Montes de Santa Cristina da Ramallosa 
Xosé Lois Vilar Pedreira, director do proxecto arqueolóxico