Queremos tanto aos libros - Historia da educación e da cultura en Galicia

Imprimir
O INSTITUTO DE ESTUDOS MIÑORANOS e a LIBRARÍA LIBRAIDA organizan un ha nova sesión das tertulias “QUEREMOS TANTO OS LIBROS “ que terá lugar o martes, 30 de Xaneiro , as 20.30 h. co profesor da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago,Antón Costa Rico (ver adxunto) que falará do seu libro “Historia da educación e da cultura en Galicia”
(ver adxunto).
O autor será presentado polo profesor do ISM de Panxón Henrique Porto.

Esta impresionante obra do profesor Antón Costa Rico analiza e valora o rico e múltiple pasado educativo e cultural de Galicia desde a súa romanización e cristianización até o presente, á luz e no contexto da historia cultural e educativa europea. Importantes personaxes, institucións educativas e culturais, iniciativas e obras intelectuais e literarias saen á luz nuns casos, ou son examinadas no cadro da sociedade galega e nos contextos hispano e europeo, cando é oportuno. 

Unha obra que constitúe unha detida análise dos procesos educativos e culturais en Galicia no tempo da historia antiga, durante a alta e baixa Idade Media, no renacemento, ao longo do Antigo Réxime e da Ilustración, así como os dous últimos séculos da historia de Galicia. A materia de estudo, as súas formas, os libros e os textos, as idades escolares, a biblioteca, as institucións, os intercambios dos galegos con Europa e América, o papel da Igrexa Católica entre nós, os conflitos culturais, a incoporación dos avances e das reformas científicas, isto é, unha visión poliédrica do que fomos desde o ángulo educativo e cultural; unha historia social do coñecemento en Galicia, co trasfondo da historia cultural e educativa europea. 

Prologada por Xosé Ramón Barreiro Fernández e por Agustín Escolano Benito, a obra componse de dez capítulos, cun extraordinario acompañamento de notas críticas e de referencias bibliográficas, unha antoloxía de textos literarios e pedagóxicos acaídos e amplos índices analíticos, onomásticos, toponímicos, de obras e de institucións citadas no texto, máis unha biografía xeral. 

Unha obra fundamental de estudo, de referencia e de consulta obrigada, sobre a nosa historia cultural e educativa, elaborada con criterio académico e tamén marcadamente didáctico, de interese para profesores de todos os niveis educativos, estudosos, curiosos e lectores no campo da historia, da literatura e a filoloxía, a filosofía e a educación. 

Esta obra recibiu os seguintes premios: Premio Irmandade do Libro, Mellor Libro Galego do Ano 2004 - Premio Losada Diéguez de Investigación, 2005 - Premio da Crítica Galega (Investigación), 2005 - Premio Ánxel Casal ao libro do ano, 2005 


Antón Costa Rico (Castellar de la Frontera, 1952), é profesor de Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela, desempeñando as súas actividades docentes nos campos da política educativa e da historia da educación. Doutorase pola Universidade de Salamanca (1982) cunha tese sobre a historia da escola primaria en Galicia no período 1900-1936. Foi un dos fundadores do movemento de renovación pedagóxica Nova Escola Galega (1983), ao que pertence, sendo tamén membro do Seminario de Estudos Galegos, ao que representa no Consello Escolar de Galicia. Foi un dos promotores das revistas pedagóxicas “As Roladas” (1980) e “Revista Galega de Educación” (Xerais, 1986). Como ensaísta e investigador publicou, entre outros traballos, “O ensino en Galicia. Problemática e perspectivas” (1980), “Escolas e Mestres” (1989); “Sarmiento. Vida e obra” (Xerais 2002) e “Historia da Educación e da Cultura en Galicia (Séculos IV-XX)” (Xerais 2004).