Presentación dos últimos libros dos filólogos Xulián Maure e Gonzalo Navaza

Imprimir
O venres 26 de xaneiro ás 20:30 h. na Comandancia de Mariña de Baiona (rúa Elduayen) e organizado polo Instituto de Estudos Miñoranos terá lugar a presentación dos libros Para unha escriptoloxía do Galego de Xulián Maure Rivas e Fitotoponimia galega de Gonzalo Navaza Blanco.
Os dous volumes veñen de ser editados pola Fundación Barrié de la Maza dentro da Biblioteca Filolóxica Galega do Instituto da Lingua Galega.
No mesmo intervirán os dous autores, filólogos, profesores e veciños do Val Miñor que serán presentados polo director do Instituto de Estudos Miñoranos, Carlos Méixome. A obra de Xulián Maure Para unha escriptoloxía do galego. Edición e estudo escriptolóxico do Tombo do Hospital dos Pobres de Tui (1436-1490), ademais de ser un estudo da grafía galega do século XV, é unha edición rigorosa da colección de documentos – foros, doazóns, vendas, sentenzas, apeos, mandas e cumprimentos- escritos entre 1432 e 1490, que se gardan nun pequeno tombo do Hospital dos Pobres de Tui, no Arquivo Diocesano desta cidade. Estes documentos constitúen unha fonte importante para a historia de Galicia e da súa lingua natural.

Por outra parte, esta obra é o primeiro estudo que se fai da lingua escrita tendo en conta os traballos dos lingüístas centroeuropeos Louis Remacle, Theodor Gossen e Hans Goebl, fundadores da disciplina escriptolóxica. As diferencia gráficas que se toparon entre os cinco notarios que actúan nestes documentos de Tui, descobren a tendencia da escrita galega cara a unha mellor correspondencia coa lingua oral e unha superación de criterios arcaicos.

O libro de Gonzalo Navaza Blanco, Fitotoponimia galega recolle a súa tese de doutoramento titulada “Contribución ó estudo da toponimia da Galicia meridional. A Fitotoponimia”, realizada baixo a dirección do profesor Antón Santamarina e defendida en 1998 na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago e que mereceu a cualificación de Sobresaliente cum laude por parte do tribunal.

Na tese doutoral recollida no libro realízase un exame da toponimia galega relativa á flora, á terminoloxía botánica e a outros campos semánticos próximos. Partindo do estudo dos topónimos da Galicia meridional, pero con referencias á toponimia de toda Galicia e doutras áreas peninsulares. Este volume ocúpase do estudo etimolóxico, semántico e morfolóxico de cerca de 8000 nomes de lugar. A análise de cada unha das formas vai acompañada de atestacións medievais que corroboran a etimoloxía proposta e dan información sobre as primeiras documentacións e a historia dos topónimos.