Acto de entrega do Premio Nano Cambeiro de xornalismo a valminor.info

Imprimir

O venres 19 de xaneiro seralle entregado o IV PREMIO DE XORNALISMO NANO CAMBEIRO á páxina web VALMINOR.INFO e ao seu director PEDRO TELMO RODRÍGUEZ CASTRO.
O premio, creado polo Instituto de Estudos Miñoranos en memoria do xornalista falecido NANO CAMBEIRO, consiste nunha escultura de FERNANDO CASÁS .

O Premio de Xornalismo NANO CAMBEIRO foi instituído polo Instituto de Estudos Miñoranos para lembrar ao xornalista e ao amigo. Cumprindo co establecido na convocatoria, fíxose pública a súa resolución ao cumprirse o quinto aniversario da irreparable perda do xornalista Nano Cambeiro e o próximo venres 19 de xaneiro de 2007 ás 20:30 h. nos locais da Comandancia de Mariña de Baiona (rúa Elduayen). 

Como se fixo público no seu momento nesta cuarta convocatoria o premio recaeu en PEDRO TELMO RODRÍGUEZ CASTRO pola súa iniciativa e traballo como coordinador do Portal do Val Miñor www.valminor.info
Previa a entrega do premio, Roberto Noguerol, Xefe de Redacción de Vieiros, www.vieiros.com, pronunciará unha conferencia sobre “A prensa galega na internet”.

No acto de entrega intervirán o escultor autor do bronce que se entrega como premio FERNANDO CASÁS, o presidente de “Salvemos Monteferro” XOSÉ M. REIGOSA SOLLEIRO, o profesor e dirixente veciñal JUAN HERMIDA e o premiado PEDRO TELMO RODRÍGUEZ CASTRO. 

Poñerá o ramo festivo o gaiteiro HUGO RODRÍGUEZ CASTRO.
Os actos serán conducidos pola integrante do IEM e concelleira de Baiona ANA MARÍA RODRÍGUEZ. 

O premio, sen dotación económica, consiste nunha peza de bronce obra do escultor e membro do Instituto de Estudos Miñoranos FERNANDO CASÁS, Ver fotos adxuntas) que se funde para entregar en cada convocatoria. A obra escultórica será entregada ao premiado nun acto público a realizar nos meses vindeiros.
Nos edicións anteriores o premio recaeu en Xosé Luís Méndez Ferrín, Francisco Fernández del Riego e David Reinero González.
A Xunta de Goberno do IEM acordou tamén convocar o Quinto Premio de Xornalismo “Nano Cambeiro” para artigos publicados ao longo do ano 2006, segundo as bases adxuntas.

Ao remate do acto haberá unha cea de confraternidade no Pazo de Mendoza. Para asistir á mesma pódese facer a reserva no 680 644 490 ou na sección de contacto da web do IEM

Pedro Telmo Rodríguez Castro

Nace en Vigo no ano 1978 e con catro anos trasládase á terra do seu pai, Nigrán. Aos oito anos esperta ao seu primeiro interese artístico, a música, pasando a formar parte da xa desaparecida banda municipal de Nigrán.

Paralelamente inicia os seus estudos profesionais no Conservatorio de Música onde estuda piano ao tempo que realiza o bacharelato.

A súa afección polas distintas manifestacións artísticas así como a súa paixón pola cultura e tradición galegas levouno a participar durante anos en varias agrupacións como o galardoado grupo de teatro Tranghallada do IES Val Miñor ou a centenaria Banda Unión Musical de Mougás,

No ano 1998, da man do seu amigo e fotógrafo Juan Carlos Soto, comeza a interesarse pola fotografía. A través do obxectivo da súa primeira réflex redescubre o outro Val Miñor con longas camiñadas por paraxes como Chandebrito, Bande, Prado, Morgadáns, Belesar, Camos ... Inmortalizados polas súas cámaras quedaron espazos que neste curto prazo de tempo mudaron a súa contorna, alterada pola crecemento depredador que padece o noso Val Miñor.

A súa carreira profesional transcorre en fonda relación con distintas manifestacións artísticas. No ano 2000 e froito da afección pola fotografía, inicia os seus estudos como deseñador gráfico en Ourense. Ao remate dos mesmos comeza a traballar como deseñador no sector da publicidade.

Anos máis tarde o seu afán autodidacta mesturado coa súa paixón pola tecnoloxía, definiron o seu traballo profesional especializándose no deseño, ergonomía e uso de aplicacións informáticas e entornas web.

Na actualizade é responsable de deseño e comunicación na empresa galega de enxeñería Iterdata Networks.

No 2005 cruza o río Miñor para establecer a súa residencia definitiva en Sabarís.

Valminor.info, o portal do Val Miñor

Froito da súa preocupación polo Val Miñor e a súa actividade profesional, o 19 de Setembro de 2003 e cun reducidísimo presuposto pon en marcha a iniciativa de Valminor.info.

Por aqueles tempos a única institución que tiña unha web na comarca era o Concello de Baiona. Non existía un referente web con información actualizada e específica do Val Miñor e de aí que armado de paciencia dedicou as súas vacacións para planear, deseñar e programar o esqueleto do que sería o primeiro portal en internet con información do Val Miñor.

As razóns para esta aventura foron moitas. Por unha banda poder amosar ao resto do mundo os privilexios do lugar onde vivimos, achegar a toda a emigración miñorá un fío de contacto para poder seguir observando o crecemento do Val Miñor e por último, e a máis importante, crear unha comunidade en liña que permitise á veciñanza do Miñor intercambiar información e achegar os seus puntos de vista sobre problemas ou preocupacións da nosa comarca, sen ataduras e sen compromisos de ningún tipo.

Logo de 5 meses de funcionamento a resposta foi sorprendente tendo en conta que nunca tivera promoción ou publicidade en ningún medio.

A caixa de correo comezou a recibir cartas de felicitacións dende Arxentina, Uruguai, Brasil, Bélxica, Suiza, Francia, Alemaña, México, e mesmo de Australia.
O apartado máis visitado da web era, e segue sendo, a galería de imaxes, unha colección de fotos que se foi consolidando coas excursións e camiñadas polo Val Miñor . Os comentarios dos xa non residentes no Miñor referidos aos cambios das súas persoais imaxes que gardaban no recordo dende antes da súa marcha á emigración, foron os máis emotivos.

E aos poucos foron medrando os contidos con noticias, titulares da prensa local, axenda de eventos, foros de discusión, enquisas... e foi mudando o seu deseño.

Naceu así un punto de encontro que permitiu impulsar proxectos de promoción da nosa comarca en tódolos eidos: culturais, patrimoniais ou turísticos.

No ano do 2003 valminor.info recibiu en catro meses preto de 2.500 visitas reais.
No hai ben pouco rematado 2006 tivo unha media de máis de 7.000 visitas mensuais o que supón un crecemento dun 79% dende o ano 2004.

Valminor.info conta hoxe cunha comunidade de 300 usuarias e usuarios rexistrados que participan activamente nos foros e nos contidos, ademais de estar subscritos aos boletíns de información.