Tertulia do IEM có teólogo e historiador Francisco Carballo

Imprimir
Imaxe de Carballo, Francisco
Co novo ano reanúdanse as TERTULIAS DO IEM: O Autor e a súa Obra. O próximo venres12 de xaneiro ás 20:30 no Pazo da Escola de Mañufe (Gondomar) estará con nós o sacerdote, teólogo e historiador FRANCISCO CARBALLO . Será presentado polo concelleiro de Gondomar, Antonio Araúxo Quintas.

Galiza ten unha débeda con este ilustrado orixinario do concello de Maceda. El preferencia as súas orixes na aldea de Celeirón, ao abeiro do Val do Medo, preto do igrexario de Asadur. A súa entrega a prol deste país é absoluta e inequívoca. F. Carballo, que chegou a reito do teologado dos P.P. Paúles en Salamanca, puido facer carreira eclesiástica dende arriba e acadar algo semellante ao que conseguíu o Cardeal Quiroga Palacios pero optou polo cristianismo de base. Para máis inri fixo o reencotro en Vigo (1973) e dende unha óptica marxista e nacionalista: en primeira liña até 1985 no eido político (BNG), na docencia (UTEG), no xornalismo (A nosa Terra), asociacionismo (Cultural de Vigo), na investigación, na relixión (Irimia)... A súa comunidade de Paúles dedicouse aquí ao sacerdocio obreiro e ao galeguismo de vangarda. X.L. Méndez Ferrín escribía no Faro (4 de agosto de 2000) unha fermosa columna dedicada a F. Carballo cando lle fixemos a homenaxe en Maceda, "desde os anos 70 as dúas lealdades de Carballo conflúen: a Patria e a fe católica que el, coma os mellores dos seus, prefire, cunha táctica moi comprensíbel, chamar apenas cristi´n. A isto habería que unir unha sensibilidade e un desexo de igualdade no mundo que aproxima a Francisco Carballo á teoloxía da liberación e ao socialismo como horizonte no mundo real".

Tivemos o privilexio de compartir trincheira con el varias veces. En marzo de 1997, na homenaxe que lle tributamos a Benigno Álvarez en Maceda - no 60 aniversario do seu tráxico pasamento-, F. Carballo axudounos a cicatrizar feridas. A controna de Maceda -que tanto nos doe aos dous- semella que foi condenada dende aquela a cen anos de soidade. Coincidimos tamén en decembro de 2000 no centenario do nacemento de Quiroga Palacios. Aínda temos gravada a maxistral charla que impartíu o historiador no salón de actos da Casa do Concello. Afirmou contundente que a dereita teme a verdade de Fernando Quiroga e que o Cardeal de Galiza representou a dignidade deste país fronte ao franquismo.

F. Carballo no Día da Patria 1981

Todos os que o coñecemos, sabemos que departir con el nunha tertulia resulta fondamente enriquecedor. Ademais o seu sorrio case permanente contaxia unha vitalidade encomiábel. Aquela mesma noite compartindo mesa e mantel con dous amigos, Bieito Seara e Celso Sánchez, tentamos convencelo para artellar un libro de conversas con Xan Carballa e conmigo. Os catro quixemos facerlle ver que tiña moito que aportar a Galiza naquel formato. Co arrecendo invernizo e reparador dos montes do Rodicio aceptou. Axiña nos puxemos a estructurar o volume. Foron case trinta horas de conversas delongadas en dez sábados no Colexio San Narciso de Marín.

Nós aprendemos moito, pois eramos conscientes de que tiñamos diante a un dos ilustrados máis relevantes de Galiza.

Recuperamos hoxe dúas ideas daquel libro que ben puido titularse Na fronteira do eclesial e non corazón do debate social: Francisco Carballo asevera que non é dogmático nin tan sequera en relixión e que debemos ser críticos; exercer a crítica sen concesións fronte ao poder. Por iso cómpre ser ilustrados e non traga coa uniformidade mediática nin con ese pensamento único que aínda axexa con formza ao comezo deste novo milenio.

Nas presentacións en Vigo, Maceda e Marín a xente máis interesada dicíanos que o libro lle sabía a pouco e que deberiamos facer unha segunda entrega. Tamén nos chegaron mensaxes dende Terra


Ancha para que fixésemos unha edición en castelán que achegase parte da súa biografía e pensamento ao resto do Estado e a Latinoamérica. En Madrid, en 2004, unha revista de antigo paúles (Yuca) destripou o libro en seis entregas con moita carga de profundidade. Carballo contounos que aquela incursión lle trouxera moitas satisfaccións. Descubrimos que tivera amizades perigosas e que roldara varias etapas da súa vida nos límites do prohibido.

Dixemos ao comezo que este país tiña unha débeda contraída con el. O nacionalismo galego tamén. Outrosí as urbes ás que tan vencellado se sente dende o seu regreso. Vigo, Pontevedra e Marín deben recoñecerlle os servicios prestados. Non pretendemos lanzar consignas mais sí temos o compromiso de manter acesa a chama dos macedáns sobranceiros. Sabemos que algún día se lle fará cumprido recoñecemento. Por que non agora? Manuel María e Novoneyra foron acollidos en San Domingos de Bonaval e o logotipo oficial fixo xestos positivos cando xa eran fisicamente inofensivos.

No 2000 escribimos en A Nosa Terra que Galiza oficial ninguneaba a F. Carballo, que a Universidade oficial non nomeaba Doutor Honoris Causa a quen impulsaba unha historiografía autenticamente nosa, que a Igrexa oficial ifnoraba con teimosía a un dos seus máis prestixiosos fillos, que a Literatura oficial non incluía nas súas escolmas ningún dos seus ensaios e que o Xornalismo oficial non lle concedía premios porque non se vendía aos poderes de turno. E nesas estamos cinco anos despois.

O día 8 deste mes de marzo vostede cumpre oitenta anos. O 20 de Xaneiro fíxoo Ernesto Cardenal que tamén nacera naquel 1925. Por certo, a UNAN de León (Nicaragua) sí lle entregou ao poeta o Doutorado Honoris Causa ao día seguinte do seu oitenta cumpreanos. Naquel entrañabel país centroamericano progamáronlle moreas de enventos ao longo deste 2005. Semella que a sensibilidade agroma alí sen tantos prexuízos e atrancos. Sabemos que até o derradeiro alento vostede seguirá a traballar por e para Galiza. Grazas mestre.

Santiago Prol é mestre e historiador. Autor, con Xan Carballa, do libro Conversas con Francisco Carballo.