A Arte e a Palabra con Paula Barreiro

Imprimir
O xoves catro (4) de xaneiro ás 20:30 horas terá lugar a primeira das tertulias A ARTE E A PALABRA deste novo 2007 que como sempre celebrarase na GALERÍA DE ARTE IVÁN MORILLAS (r/ Xulián Valverde, Sabarís, Baiona)

Nesta ocasión a nosa convidada será a miñorá, licenciada en Arte pola Universidade de Salamanca e doutora pola Complutense, PAULA BARREIRO LÓPEZ que nos achegará a súa visión da arte normativa española tema que desenvolveu na súa tese de doutoramento Arte Normativo español. Procesos y principios para la creación de un movimiento que, no ano que rematou, foi publicada polo Consejo Superior de Investigacións Científicas (CSIC). A nosa convidada será presentada polo profesor de Deseño e Educación Plástica do IES Escolas Proval de Nigrán, Xosé Manuel Fachal.

Os anos finais da década dos cincuenta supuxeron a entrada da arte española no panorama de vangarda internacional, por mor dos resultados da Bienal de Venecia de 1958. A partires dese momento a abstracción informal converteuse nunha das tendencias máis destacadas, en gran medida polo labor do Grupo El Paso. O panorama artístico, fortemente influenciado pola abstracción informal, comezou a sentir un desenvolvemento importante das tendencias abstracto-xeométricas en diversos puntos da xeografía española: Córdoba, Madrid e Valencia. Así, en 1957 formouse un dos colectivos españois máis activos dentro da abstracción racionalista: o Equipo 57. (formado en París, maio de 1957, por Jorge de Oteiza, Ángel Duarte, José Duarte, Juan Serrano y Agustín Ibarrola)

En 1960 os debates entre abstracción expresiva (informal) e abstracción racional (abstracción xeométrica) cristalizaron na creación dunha “fronte” xeométrica que se denominou normativismo. Ista estaba organizada, principalmente a partir das direccións teóricas dos críticos Vicente Aguilera Cerni, Antonio Giménez Pericás e José María Moreno Galván, e contaba cos artistas Equipo 57, Manuel Calvo, José María de Labra e o grupo valenciano Parpalló. Fronte ás tendencias informalistas, de caracter expresivo e subxectivo, este movemento propugnaba unha arte obxectiva que puxera as bases para a construción dunha sociedade futura, máis xusta e solidaria. Así, inscribíase na tradición das tendencias construtivistas iniciadas a principios de século. Os cadros xeométricos eran, entón, puntos de partida para unha realización práctica, que alcanzaba o seu maior expoñente no deseño e na integración das artes no medio arquitéctonico.

Durante a presentación do libro, a nosa convidada, realizará, en primeiro lugar, un breve percorrido polo devir das correntes abstracto-xeométricas no século XX, coa fin de encadrar o movemento da arte normativa dentro dunha senda histórica. E en segundo lugar, centrareime no caso do normativismo, as súas características, as súas accións e o seu lugar dentro da historia da arte na España dos sesenta.