Día Internacional da Tradución, dedicado a Lois Tobío

Imprimir
O pasado 30 de setembro celebrouse o Día Internacional da Tradución. Neste ano 2006 a Xunta de Galicia dedicou esta xornada a Lois Tobío Fernández, fillo adoptivo do Concello de Gondomar a título póstumo. Como é ben sabido don Lois Tobío dedicou moitos anos da súa vida ao estudo da documentación, nomeadamente das cartas, que conservou do Diego Sarmiento de Acuña, 1º Conde de Gondomar. O pasado 26 de novembro de 2005 tivo lugar o Pleno de Honores do Concello de Gondomar no que lle foi concedido a Lois Tobío o máximo recoñecemento público en presenza da súa filla Constanza. Pero a figura de Lois Tobío destaca por moitas outras cuestións que fixeron tamén que a Xunta de Galicia declarase este ano do centenario do seu nacemento como ANO LOIS TOBÍO e o homenaxease no acto que tivo lugar o pasado 13 de xuño, día no que tería cumprido cen anos, nas instalacións do Museo do Pobo Galego, no histórico convento compostelán de Santo Domingos de Bonaval. Naquel solemne acto que contou co apoio dos concellos da Santiago de Compostela, Gondomar e Viviero, así como de institucións culturais como o Museo de Pobo Galego, o Consello da Cultura Galega, a Asociación de Escritores en Lingua Galega, o Seminario de Estudos Galegos, que Tobío axudou a fundar, ou o seminario de Estudos Terra de Viveiro, o Instituto de Estudos Miñoranos e o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional ou a Universidade de Santiago de Compostela, na que Tobío exerceu como profesor nos primeiros anos trinta. Así que o Tobío diplomático, escritor, investigador, profesor universitario, dirixente nacionalista, estudoso do conde de Gondomar,... foi tamén tradutor de grandes obras do dereito e da historia, ao castelán, e de grandes escritores ao galego. Foi Tobío quen primeiro achegou á nosa lingua textos W. Goethe, de Bertold Brecht, de Rainer Mª Rilke, de Percy B. Shelley, W. B. Yeats, Baudelaire, Mallarmée, Rimbaud ...

O venres seis de outubro de 2006 ás 20:30 h. na Casa da Cultura Gondomar terá lugar un acto para a celebración do Día Internacional da Tradución, dedicado a Lois Tobío. Un acto organizado polo Instituto de Estudos Miñoranos, a Concellería de Cultura de Gondomar e a Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia. No transcurso do mesmo
Loreto Moreiras Fontenla e Paula Cabaleiro Martínez, alumnas da facultade de Tradución da Universidade de Vigo, leran un fragmento do Fausto de W. Goethe, outro fragmento da Nai Coraxe de Bertold Brecht, un soneto dos Sonetos a Orfeo
de Rainer Mª Rilke e poemas de Percy B. Shelley, W. B. Yeats, Baudelaire e Mallarmé. Tamén leran a versión ao galego que destes textos fixo Lois Tobío. O profesor Gonzalo Navaza encargouse da selección de textos.

Tras este primeiro acto o profesor e poeta Emilio Insúa, viveirense e amigo persoal de Tobío, estudoso da Academia Galega e dos irmán Villar Ponte, presentará a novela A nova vida que acaba de ser editada por Edicións do Castro tras ser recuperada por Constanza Tobío dun vello cartapacio que o autor mantivera oculto durante moitos anos. Trátase, por tanto, da única incursión de Lois Tobío no eido da creación literaria na que recrea algúns dos espazos e vivencias sentimentais da súa adolescencia máis intima.

Lembrar agora que o outro texto que Tobío deixara inédito a súa morte Gondomar e Digby, dous embaixadores foi publicado polo Instituto de Estudos Miñoranos e o concello de Gondomar e presentado ao público nun acto celebrado o día anterior ao seu nomeamento como fillo adoptivo da vila de Gondomar.