Nova xiera do IEM ao Chan do Cereixo

Imprimir
O xoves 10 de agosto terá lugar unha nova das XEIRAS DO IEM deste verán. Será ao espacio natural e ao xacemento arqueolóxico da Chan do Cereixo. O punto de encontro é no Cruceiro de Mañufe e a hora de saída é, como ven sendo costume ás 17.30h. (cinco e media da tarde).

Situada no limite do concello de Gondomar co de Tomiño, trátase dunha chaira de turbeira na que nace o río Cereixo. Entre os seus valores peculiares destaca a súa escasa altura sobre o nivel do mar, tan só 200 metros.


O xacemento paleolítico da Chan do Cereixo foi descuberto, hai xa case trinta anos, por Xaime Garrido. Na actualidade este xacemento é un dos máis importantes do NO peninsular. A industria lítica fabricada a partir de seixos rolados de cuarcitas de mediana e grande talla cos que se fixeron bifaces, coitelos, fendedores e algún furador, todos eles tipos ben coñecidos no abano industrial do Paleolítico Inferior e que pola súas características técnicas (tamaño, estilo e técnica de lascado, etc.) nos remiten a momentos do Acheulense posiblemente non recente.

Nestes días un equipo de arqueólogos dirixidos pola doutora Rosa Villar Quinteiro está a realizar un traballo de investigación arqueolóxica na Chan do Cereixo, un proxecto posible polo convenio asinado entre o Instituto de Estudos Miñoranos e a Fundación Pedro Barrié de la Maza que o sufraga. Serán dous destes arqueólogos, Xosé Lois Vilar e Eduardo Méndez os que farán de guías, no aspecto arqueolóxico, das persoas que acudan a esta nova xeira.

Cumpre salientar que os visitantes poderán comprobar o avance nos traballos arqueolóxicos despois de máis dun mes. Entre eles o achado dun hábitat que amosa un especial interese pola aparición dun hipotético muro e de difícil datación ata non se teñan os resultados das análises que se están a realizar.



Máis a Chan do Cereixo é tamén un espazo dun extraordinario valor pola súa flora e a súa abundante fauna. É por iso que a visita contará tamén cun guía especializado nestas cuestións como é o caso da César Vidal Rodríguez