“Espazos sonoros” achega este domingo a Baiona un recital de músicas renacentistas e barrocas do cantante e laudista Joel Frederiksen

Imprimir
Joel Frederiksen

Espazos Sonoros” chegará esta fin de semana a Baiona nunha nova sesión deste festival de música e patrimonio promovido pola Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Cultura.

Este domingo 18 de outubro, ás 20:00 horas, a igrexa barroca de Santa Liberata acollerá o concerto do cantante e laudista Joel Frederiksen, que ofrecerá un recital de música inglesa, francesa e italiana do Renacemento e do primeiro Barroco.

Cunha brillante carreira de concertos ao longo de todo o mundo e colaborador de prestixiosas formacións –como o Huelgas Ensemble, a Freiburger Baroque Orchestra, ou o Ensemble Gilles Binchois–, Frederiksen presentará en Baiona un concerto íntimo con obras, entre outros, de Thomas Campion, John Dowland, Tromboncino, Willaer, Biaggio Marini e Giullio Caccini, nas que se acompaña dun laúde e arquilaúde, conxunto que sorprende polo seu elevado nivel de perfección e, ao tempo, de expresividade e de elegancia.

O escenario desta nova sesión, que conta coa colaboración do Concello de Baiona, será a pequena capela de Santa Liberata.