Este venres terá lugar a tradicional Xeira “Noite de estrelas e lobos”, na Serra da Groba

Imprimir
montouto2

Continúan as Xeiras 2015 que organiza o Instituto de Estudos Miñoranos. Esta venres 14 de agosto, coa colaboración da Agrupación Astronómica Rías Baixas, para unha "Noite de estrelas e lobos" na Chan da Lagoa na Serra da Groba (Baiona). O punto de encontro será no merendeiro de Chan da Lagoa ás 20 horas. Non é necesaria a inscrición previa.

A andaina dará comezo ás últimas horas da tarde e as primeiras da noite polos cumios da Serra da Groba, unha das principais barreiras orográficas máis altas de Galicia á beira do mar. Faranse paradas en tres sitios distintos. Dende A Poza Negra rumbo A Chan da Gabiñeira e dende O Alto do Campo de Lobo se mirará A Boca da Groba onde falarase de hidronimia e lindeiros administrativos.

A seguir cara O Alto do Montouto até a caseta forestal para ollar Portugal, O Val Miñor e As Rías Baixas, e se hai sorte até Fisterra. As burras da Groba, as casetas de vixilancia forestal, talasonimia, ...

Para rematar a xeira subirase ó punto máis elevado, O Alto da Lebre con vistas ó Atlántico e ó concello de Oia. Alí se reproducirá a caza do lobo e cos telescopios instalados polos membros da Asociación Astronómica Rías Baixas unha observación astronómica se o tempo o permite.

Detalles e recomendacións:

Dado que parte do percorrido será nocturno recomendase levar lanternas e, previsoriamente, roupa de abrigo, así coma algún instrumento para facer ruído e escorrentar ao lobo. Non sobrará algunha manta ou toalla grande para pór no chan e poder mirar para o ceo nunha posición cómoda. E, se cadra, bebida quente ( chocolate, café, té, etc).

• Guías: Xilberte Manso (IEM), Julio Pereira Neiva (A.A.R.B.), Xosé Lois Vilar (IEM)