O Centro Goianés organiza un coloquio que afondará na represión do maxisterio durante a ditadura.

Imprimir
carcelsaturraran

 

-Coloquio “Mestres na memoria”, no Centro Goianés o xoves 25 abril ás 20:30 horas.

José Cortés Fernández, Hipólito Gallego Camarero, Josefa García Segret, Juan Abramo Dios e Antón Alonso Ríos, todos eles exerceron o maxisterio no concello de Tomiño nos anos previos ao golpe militar de 1936. Mestres de conviccións republicanas foron obxectivo inmediato das persecucións ideolóxicas e políticas implantadas pola ditadura de Francisco Franco.

O mestre Juan Abramo Dios (Currás – Tomiño) exercía na escola de Vilachá de Salvadur. O 3 de setembro do 36 a primeiras horas do día foi “paseado” e posteriormente executado na estrada de Quiroga, á altura do Km 62 en Abrence (A Proba do Brollón). Hipólito Gallego Camarero (38 anos) e a súa dona Josefa García Segret (36) eran os mestres de Forcadela. Ambos os dous foron condenados a morte. A Hipólito o “pasearon” e executaron en Mondaríz ás seis da mañá do 3 de setembro. Josefa puido conmutar a pena de morte por unha  cadea perpetua. As súas memorias deixoullas escritas no libro “Abajo las dictaduras”, publicado en 1982.

 José Cortés Fernández (39 anos)  que exercía como mestre en Goían, acusado de rebelión militar foi executado ás cinco e media da tarde do 15 de outubro na carreteira de Campañó (A Caeira – Poio), lugar onde dous días despois tamén sería fusilado un dos pais do Estatuto de Autonomía de Galicia, Alexandre Bóveda Iglesias.

O caso do mestre Antón Alonso Ríos tal vez sexa o máis coñecido, político e sindicalista agrario debeu vivir na clandestinidade (Siñor Afranio)  e posteriormente fuxir á Arxentina. A súa vida foi retratada en diversas publicacións e levada ao cine.

De todos eles e outros tantos casos de represións ao maxisterio falarase o vindeiro xoves 25 de abril ás 20:30 horas no Centro Goianés. O acto contará cun coloquio a cargo dos profesores de historia Carlos Méixome (director do IEM) e Bieito Alonso Fernández, autor do libro Antón Alonso Ríos. Biografía: crónica dunha fidelidade. Durante o encontro terá lugar a proxección do documental "Prohibido recordar", dos directores Txaber Larreategi e Josu Martínez.