Charlas formativas sobre aforro e eficiencia enerxética en Gondomar

Imprimir
Eficiencia e aforro enerxético

O vindeiro xoves 4 de abril, ás 09.30 horas, celebraranse no instituto IES Terra de Turonio dúas charlas formativas sobre eficiencia e aforro enerxético, orientadas aos alumnos e ás alumnas deste instituto e aos do IES Auga da Laxe.

Con esta actividade formativa o Concello de Gondomar pretende reforzar o compromiso co aforro e a eficiencia enerxética apostando pola formación como mellor ferramenta.

Esta xornada de divulgación medioambiental é froito da colaboración entre a Deputación de Pontevedra, o concello de Gondomar e os IES Terra de Turonio e Auga da Laxe. A iniciativa xorde dentro do proxecto RETALER II, Rede Transfronteiriza de Autoridades Locais en Enerxías Renovables, da cal a Deputación de Pontevedra é socio membro xunto con outras dezaseis entidades españolas e portuguesas.

As charlas amosarán aos alumnos asistentes a relación que se establece entre a enerxía e o medio ambiente, centrándose naquelas medidas que favorezan á sustentabilidade para lograr a eficiencia e a redución do consumo enerxético. Tamén se tratarán temas como as enerxías renovables co fin de promover a súa implantación.

Estas charlas serán impartidas por conferenciantes da Fundación Galicia Sustentable, entidade con experiencia na organización de actividades formativas no eido ambiental e un dos socios colaboradores do TEDxGalicia.