Critican a entrega da insignia honorífica do concello ao ex alcalde de Baiona nunha comida privada.

Imprimir
insignia-baiona-rodal-almuinha

“A insignia que se lle entregou ao ex alcalde Jesús Vázquez Almuiña,  tería que producirse no seo do Pleno Municipal, órgano de máxima representación democrática e que representa a todos os cidadáns de Baiona, nunca nunha comida de carácter privado”, sinala Rafael Lores, edil socialista da corporación.

O socialista refírese á distinción honorífica que se entrega aos ex concelleiros unha vez abandonan as súas funcións. A mesma tivo lugar nunha comida este mediodía na que participaron  funcionarios e o equipo de goberno de Baiona como despedida ao agora conselleiro de Sanidade da Xunta, Vázquez Almuíña. A mesma tivo lugar no Monte Real Club de Yates.

Durante o encontro, o actual rexedor en funcións, Ángel Rodal, fixo entrega á Vázquez da Insignia do Concello de Baiona, unha condecoración que se dá aos concelleiros cando abandonan a corporación.

“A entrega da insignia do concello nun acto non institucional ao Conselleiro de Sanidade por parte do  alcalde en funcións é algo que deslexitima o verdadeiro valor da devandita condecoración”, insiste Lores.

Engade que confundir os actos institucionais “con actos de partido ou privados é como apropiarse do público para uso privado”.

“Desde o Partido Socialista queremos denunciar o uso ilexítimo dos  símbolos oficiais, que pon de manifesto a actitude antidemocrática e de desprezo institucional coa que actúa o goberno municipal”, finaliza.