O BNG presenta alegacións para incrementar as partidas sociais dos orzamentos 2014 de #Baiona

Imprimir

Os nacionalistas reclaman 15.000 euros para manter as Becas de Formación e incluír nesta partida axudas á música tradicional. Solicitan 28.000 euros para axudas a familias e institucións sen ánimo de lucro. Manter os 2.000 euros de achega ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade internacional. Todos estes, xa existentes nos orzamentos do exercicio 2013. Finalmente o BNG entende necesario destinar os 15.200 euros previstos para a Festa da 3ª Idade para axudas a persoas en situación de emerxencia social.

Durante a sesión do Pleno Municipal celebrado a semana pasada o Bloque Nacionalista Galego mostrou unha postura crítica cos orzamentos para o ano 2014 presentado polo Goberno Municipal. O cualificou como un documento "sen un proxecto para Baiona, baleiro de contido social, cultural e humanitario, deixando de lado calquera liña de axuda contra os problemas reais dos baioneses e baionesas. Confírmase que o grupo de goberno converteu ao noso concello nunha simple sucursal dos mandatos das políticas partidistas do Partido Popular".
Sinalan que dende o Goberno Municipal véndese coma un grande éxito a "débeda cero" coas administracións públicas, os bancos e as "grandes empresas". Mais advirten que "tense unha grande débeda cultural, social e humanitaria cos veciños e veciñas de Baiona, nomeadamente os que menos teñen e que, inxustamente, máis están pagando as consecuencias dunha políticas erradas no pasado. Baiona ten débeda cero cos poderosos, máis unha débeda incalculábel coa veciñanza".
Os nacionalistas denuncian que o Partido Popular trata de disimular o incremento de máis de 140.000 euros en canons como o da electricidade, saneamento ou recollida de residuos "adelgazando aquelas partidas que máis deberían incrementarse nestes momentos, como son as axudas de emerxencia social".
En resposta a estes orzamentos o BNG interpón distintas alegacións aos mesmos, achegándoas na súa web para aqueles cidadáns que desexen presentalas durante o período de exposición pública.