Luns, 20 Nov. 2017

Actualizado12:46:23 PM GMT

Estás en Val Miñor Impulsan nos concellos unha declaración para deixar o Val Miñor “libre do uso de herbicidas”.

Impulsan nos concellos unha declaración para deixar o Val Miñor “libre do uso de herbicidas”.

Correo-e Imprimir PDF
sprayweed

O Comando Ghichas está levando a cabo unha campaña contra o uso de herbicidas no Val Miñor. Procuran impulsar nos concellos mocións que declaren aos mesmos libres do uso de herbicidas. Membros do colectivo sinalan que que xa deron "entrada por rexistro á moción no concello de Nigrán e farémolo mesmo no de Gondomar".
Neste senso convocan unha charla informativa baixo o título "Perigo! Zona Fumigada. Velenos no ambiente", na Asociación Veciñal San Martiño de Borreiros (rúa Sobreiro s/n). A mesma terá lugar este venres 1 de abril ás 20 horas e estará presidida por un informe de César Lema, doutor en bioloxía.

"Tamén estamos informando á veciñanza sobre as consecuencias do uso de herbicidas e as alternativas posibles mediante escritos que repartimos polos buzóns en diferentes zonas e barrios do Val", sinalan dende o colectivo Ghichas.

Cabe lembrar que a Axencia Europea para a Seguridade Alimentaria publicou no pasado novembro un informe no que conclúe que o glifosato, o herbicida máis comercializado do mundo, "é improbable que supoña unha ameaza canceríxena para os seres humanos".

Sen embargo, a axencia europea chegou a esta conclusión a pesar do último informe da Axencia Internacional de Investigacións sobre o Cancro (IARC), que en marzo de 2015 clasificou esta sustancia como un "probable canceríxeno para o ser humano", en base a estudo que mostrou "fortes evidencias" de que provoca cancro en animais de laboratorio.

Sinalan que as charlas informativas achegaranse a diferentes centros culturais e veciñais, como xa se fixeran días atrás en Chandebrito.

O Comando Ghichas autodefínese como "un grupo de acción en concienciación social que leva a cabo diferentes campañas, fixemos anteriormente a informativa sobre o TTIP, impulsamos e participamos nas concentracións que se comezan a facer no Val contra a violencia machista, e agora estamos coa campaña dos herbicidas...logo virán outras. Formamos parte do colectivo Des Pensa", afirman.