Hoxe foi inaugurado no CDL de Gondomar o Obradoiro de emprego “Terras do Miñor” que organiza á Mancomunidade do Val Miñor. No acto déronse cita os tres alcaldes da bisbarra, Juan González alcalde de Nigrán, Jesús Vázquez Almuiña alcalde de Baiona e Paco Ferreira alcalde de Gondomar.
No acto estiveron presentes varios concelleiros dos tres concellos sendo Josué Villar concelleiro de Formación, Emprego e Dinamización Económica do concello de Gondomar, o encargado de presentar o acto. Seguidamente o director do obradoiro José Luís Abraiga, dirixiuse aos presentes.
Os Obradoiros de emprego son programas mixtos de formación e emprego que se encadran dentro de políticas activas de emprego dirixidas a mellorar a empregabilidade de persoas mesturando formación e práctica.
Nesta ocasión o programa está dedicado á especialidade formativa en operacións básicas de cociña e servizo de restaurante-bar sendo 11 e 12 alumnos os correspondentes a cada curso cunha duración de 6 meses.
Para pechar o acto, o alcalde de Gondomar Paco Ferreira destacou a utilidade do obradoiro para as posibilidades de atopar oportunidades laborais no sector e agradecendo a todo o persoal que contribúe á realización do mesmo.