Ademais deles, Agustín Hernández, Corina Porro, Ethel Vazquez, José María Figueroa e outros políticos recibiron presentes da trama corrupta segundo a Policía. A Deputación de Pontevedra, o Concello de Pontevedra, o Consorcio da Zona Franca, o Concello de Poio, o Concello de Vigo, o Concello de Santiago e Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos (dependente da Consellería que daquela dirixía Hernández) son as administracións con contratas recentes con Eiriña, presunto centro da trama. Vídeo dun dos imputados amenazando con tirar da manta no interior.
A recente fin do secreto de sumario dunha operación contra a corrupción pode convulsionar a política galega nos vindeiros meses. En febreiro de 2014 a Policía detiña a cinco persoas -incluído o ex-concelleiro do PP de Nigran, José Álvarez Valverde- e directivos das empresa de servizos públicos Cespa (fililal de Ferrovial) e da construtora galega Eiriña. Hoxe coñécense os primeiros detalles das investigacións e hai importantes mandatarios salpicados.
Rafael Louzán, daquela presidente da Deputación de Pontevedra; Abel Caballero, alcalde de Vigo e Agustín Hernández, exconselleiro de Medio Ambiente e exalcalde de Santiago terían recibido reloxos de alta gama como agasallo, segundo un informe da Unidad de Delincuencia Económica y Fiscal (Udef) da Policía que hoxe revela Faro de Vigo.
Louzán e Caballero xa desmentiron esa información. "Por suposto que non" dixo o alcalde de Vigo ao ser cuestionado hoxe pola prensa, asegurando que a lista de agasallos do xornal olívico era a primeira noticia que recibía sobre este asunto.
Pola súa banda, Louzán tamén desmentiu a noticia durante unha entrevista na Radio Galega. O actual presidente da Federación Galega de Fútbol limitiu os agasallos que puido ter recibido cando era presidente da Deptuación a cuestions de cortesía polo Nadal, como "unhas botellas de viño, ou algo así".
Louzán insistiu en que el non formou parte de ningunha mesa de adxudicación cando Eiriña S.L. levouse obras da Deputación que presidía. A UDEF considera "acreditadas as influencias exercidas sobre funcionarios e presidente da Deputación". Mesmo ten un 'pinchazo' no que Enrique Alonso Pais presume de "pórlle as pilas" a Louzán e de pedirlle "obras coas que gañar diñeiro".
A Policía estima ilegais as adxudicacións dos campos de fútbol de Coia, Coruxo e dous en Moraña pola Deputación de Louzán. Durante a parte final do seu mandato, o político lanzou dende a Deputación unha verdadeira orxía construtora de campos de fútbol por toda a provincia, con ducias de instalacións de herba artificial que lle serviron para gañarse os votos dos clubs cos que logo a presidencia do fútbol galego.
Segundo Faro, Alonso Pais mantivo unha reunión secreta con Louzán, o daquela vicepresidente provincial José Manuel Figueroa e a daquela delegada da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch. Figueroa e Bravo tamén figuran na lista de persoas que recibiron agasallos da trama segundo a UDEF, aínda que o ex-presidente do PP de Vigo xa negou recibir presentes ou manter reunións cos directivos de Eiriña. Na lista tamén está Corina Porro, ex-presidenta dos conservadores olívicos e da Autoridade Portuaria de Vigo.
O superior de todos eles tentou hoxe desviar a atención cara outros. O presidente da Xunta argumenta que Eiriña recibiu máis contratas con anteriores executivos autonómicos. Alberto Nuñez Feijóo, cuestionado tras a rolda de prensa do Consello en Santiago, asegura que as contratas do seu Executivo, no que Agustín Hernández era o conselleiro de obras, con Eiriña foron por "cuantías escasas".
As investigacións da Operación Patos centráronse inicialmente nunha empresa de ámbito estatal (CESPA), filial de Ferrovial, e nun grupo de empresas da provincia de Pontevedra. Todas as compañías galegas investigadas (Eiriña SL, Enalvi e Intermediación Medioambiental SL, Inversiones Patos SL e Reciclaje y Gestión Medioambiental SL.) teñen por nexo común ao empresario Enrique Alonso Pais, segundo figura na base de datos do Rexistro Mercantil consultado por GC.
Galicia Confidencial publicou en 2014 a relación completa de contratas gañadas por este grupo adxudicadas recentemente polas administracións galegas. A Deputación de Pontevedra, o Concello de Pontevedra e o Consorcio da Zona Franca eran as institucións con máis, pero tamén había adxudicacións do Concello de Poio, do Concello de Vigo, do Concello de Santiago (antes de que Hernández fose alcalde) e da Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos (dependente da Consellería que daquela dirixía Hernández).
En 2014, o empresario Juan Manuel Costas, principal imputado da operación “5 Jotas” e tamén involucrado na operación “Patos”, amenazou publicamente con "tirar de la manta" e asegurou que nesta trama están implicados "todos los partidos", en relación, ao PP, PSOE e BNG e "todos los ayuntamientos" da zona de Vigo. Velaquí a súa polémica intervención en Vía V:
Do xornal Galicia Confidencial