O ex presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, presentou a súa dimisión como deputado provincial do Partido Popular. A dimisión ocorreu esta mañá, segundo da conta o PP nun comunicado no que sinala que o afastamento de Louzán xa fóra anunciado publicamente o pasado 26 de maio despois da celebración das eleccións municipais "e unha vez analizados os resultados electorais", salienta o escrito.
"Aínda que a intención primeira do presidente do partido era non recoller xa a súa acta de deputado, mantívose no grupo a petición dos seus compañeiros implicándose directamente na posta en funcionamento do Grupo Popular e na estratexia de traballo", afirma o comunicado.
Agora, transcorridas estas primeiras semanas desde a constitución provincial e co comezo do novo curso político, a decisión de Louzán é de presentar a súa renuncia.
Advirten que o líder dos populares "seguirá realizando labores de asesoramento e coordinación como presidente provincial do partido e dada a súa importante traxectoria e experiencia á fronte do ente provincial".
Agradeceu,Rafael Louzán" a colaboración e a extraordinaria profesionalidade de todos os traballadores da Deputación de Pontevedra, cos que espera seguir contando, porque considera que o seu papel é determinante para o bo funcionamento da institución".