Sábado, 7 Dec. 2019

Actualizado12:21:09 AM GMT

Estás en Val Miñor “Dende Siberia ao Val Miñor”. Unha ducia de estudantes rusas fican nun intercambio na comarca.

“Dende Siberia ao Val Miñor”. Unha ducia de estudantes rusas fican nun intercambio na comarca.

Correo-e Imprimir PDF
rusas

As visitantes permanecerán dúas semanas na bisbarra con familias de acollida en Nigrán e Baiona. Participan nun proxecto de inmersión lingüística en inglés onde estudantes rusas provenientes da cidade de Berdsk, na rexión de Novosibirsk (Siberia), son acollidas polos estudantes de Baiona e Nigrán nas súas casas. As idades das estudantes van dos 13 aos 17 anos.

Cun formato de campamento poñen en práctica diversas actividades centradas no traballo por proxectos de diferente temática: A relación do descubrimento de América - Cristóbal Colón e Baiona; identificación de contrastes culturais Rusia - España; actividades deportivas na praia; visita ás Illas Cíes e Santiago de Compostela,  e outras áreas co fío condutor da lingua inglesa.

Recepción no Concello de Baiona.

Esta mañá, o alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña e a Concelleria de Educación, Beatriz González Pérez, recibiron no Concello ás estudantes.

O comunicado municipal sinala que a responsable de Educación foi quen “se comunicou en todo momento en inglés coas mozas, deu a benvida e resaltou a importancia destes proxectos internacionais de inmersión, xa que separadamente de servir para que se coñeza Baiona e o Val Miñor no exterior, neste caso en Siberia, serven para evidenciar os beneficios e oportunidades que brinda a aprendizaxe dunha segunda lingua como o inglés; poder acceder á riqueza de coñecer unha cultura como a rusa e dar a coñecer ao mesmo tempo a nosa”.

O rexedor baionés e a concelleira guiaron aos mozos polas instalacións da Casa Consistorial explicándolles o funcionamento do edificio, así como a súa historia.

Durante o acto de recepción as adolescentes rusas entregaron ao alcalde unha bandeira do seu país, e unha boneca "matrioska" como agradecemento pola súa aacollida. Vázquez Alumiña agasallou ás estudantes cuns libros sobre a Real Vila para que as mozas o acheguen á escola da súa cidade natal e desta forma dar a coñecer o municipio en Siberia.